A GudiñaConcellosEn portadaLaroucoMaceda, RiósMontederramoSan Xoán de RíoÚltima hora

Río e Larouco, entre os 12 concellos do proxecto piloto para crear as primeiras comunidades enerxéticas locais de Galicia

O plan, liderado pola Deputación de Ourense, impulsará a implantación de enerxías renovables que permitirán mellorar a eficiencia, reducir as emisións de CO2 en cada un dos municipios e lograr aforros de ata o 30 % nas facturas de electricidade, tanto de edificios e equipamentos públicos como de fogares e pemes

 

A Deputación de Ourense liderará a creación das primeiras comunidades enerxéticas locais de Galicia nun proxecto piloto que, en colaboración con doce concellos da provincia, impulsará unha iniciativa de autoconsumo colectivo coa que se conseguirá aumentar a eficiencia, reducir as emisións de CO2 en cada un dos municipios e lograr aforros de ata o 30 % nas facturas de electricidade tanto de edificios e equipamentos públicos como de fogares e pemes.

Así se vén de informar dende o organismo provincial, tras a xuntanza mantida esta mañá no Pazo Provincial. Coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar, e do deputado de Innovación e Turismo, Jorge Pumar, no Pazo Provincial déronse cita para a presentación do proxecto os alcaldes dos concellos participantes: Riós, A Gudiña, A Peroxa, Muíños, Carballeda de Avia, Larouco, San Xoán de Río, Maceda, San Amaro, Os Blancos, A Merca e Montederramo, cuxa poboación supera en conxunto os 16.000 habitantes.

Manuel Baltar cualificou este plan como “unha mostra máis de liderado do territorio por parte da Deputación para poñer en marcha un proxecto innovador que conta con recursos europeos, sendo o primeiro goberno provincial en desenvolver unha estratexia de captación de fondos comunitarios que xa presentamos en xullo para anticiparnos ao novo marco financeiro plurianual da UE 2021-2027”. Os concellos, afirmou, “van a ter a necesaria asistencia xurídica, económica e coordinación técnica por parte da Deputación para executar unha acción que entra de cheo na filosofía deste goberno provincial, que impregna o conxunto dos puntos que conforman o plan de mandato 72-73”.

En representación dos concellos que participan neste proxecto, o alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, expresou a súa satisfacción “por un proxecto extraordinario que lidera a Deputación de Ourense, non só en beneficio dos concellos senón tamén para a veciñanza”. Unhas palabras ás que se sumou o alcalde de Maceda, Rubén Quintas, asegurando que “estamos diante dun programa que suporá un gran apoio para o rural no campo das enerxías renovables e do que poderemos comprobar as súas enormes vantaxes”.

O proxecto nace nun contexto de importantes incentivos para plans de autoconsumo e almacenamento enerxético, dotados cos fondos europeos Next Generation, do Estado e das comunidades autónomas. No caso de Galicia destinouse unha partida inicial de 39 millóns de euros, que se prevé que se vaia ampliando de maneira sucesiva nos próximos exercicios.

A Directiva europea de Enerxías Renovables considera ás comunidades enerxéticas como unha figura crave para lograr a transición enerxética real. Nesta liña establece a obrigación aos estados de garantir o dereito dos consumidores “para participar nunha comunidade de enerxías renovables, para acelerar o proceso cara a un sistema 100 % renovable cun modelo máis participativo”.

Os membros das comunidades enerxéticas convértense, ao mesmo tempo, en produtores, xestores e usuarios de enerxía limpa e máis económica, con instalacións fotovoltaicas de autoconsumo próximas á súa propiedade e sen impacto na súa contorna social e ambiental. Ademais, está previsto que unha parte da enerxía destínese a cubrir as necesidades de familias do municipio en situación de pobreza enerxética.

Artigos relacionados

Back to top button