ConcellosLaroucoSan Xoán de RíoÚltima hora

Río e Larouco, entre os concellos que apostan por crear as primeiras comunidades enerxéticas de Galicia

O proxecto, liderado pola Deputación de Ourense, impulsará a implantación de enerxías renovables que permitirán mellorar a eficiencia, reducir as emisións de CO2 en 12 municipios da provincia

Publicidade
O alcalde de San Xoán de Río cos membros da consultora./ Cedida.

 

En colaboración con doce concellos da provincia, entre eles San Xoán de Río e Larouco, a Deputación de Ourense está a impulsar a creación das primemiras comunidades enerxéticas locais (CEL). Trátase dunha iniciativa piloto de autoconsumo colectivo que aposta por aumentar a eficiencia, reducir as emisións de CO2 en cada un dos municipios e lograr aforros de ata o 30 % nas facturas de electricidade tanto de edificios e equipamentos públicos como de fogares e pemes. Os outros dos concellos participantes neste programa piloto serán Riós, A Gudiña, A Peroxa, Muíños, Carballeda de Avia, Maceda, San Amaro, Os Blancos, A Merca e Montederramo. A poboación dos doce supera en conxunto os 16.000 habitantes.

Nos últimos tres meses a empresa consultora redactaba os proxectos dos 12 municipios do programa e, tras varias reunións, neste mes de xaneiro presentábanlle os proxectos definitivos aos Concellos. A partir de aí, esta iniciativa optará a financiamento europeo a través dos fondos Next Generation.

As CEL están consideradas figuras clave no avance e a consolidación dun novo modelo enerxético máis sostible, económico e democrático, baseado na cooperación entre axentes. De feito, está no centro das estratexias de transición deseñadas no ámbito europeo, nacional e autonómico.

 

Presentación do proxecto das comunidades enerxéticas no Concello de Larouco./ Cedida.

 

Os membros das CEL convértense, ao mesmo tempo, en produtores, xestores e usuarios de enerxía de fontes renovables, mediante instalacións de autoconsumo da súa propiedade, que, á súa vez, xeran impactos positivos na súa contorna social e ambiental, en liña cos obxectivos da Axenda 2030 e as accións de loita contra o cambio climático.

“O fin principal é xerar beneficios sociais e ambientais na contorna onde se sitúan estas comunidades, primando a sustentabilidade, aínda que é importante destacar que os usuarios logran entre un 20% e un 30% de aforro na súa factura anual, grazas á enerxía verde de proximidade e máis económica”, apunta o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Ao centrarse nun ámbito local, as comunidades enerxéticas poden ademais actuar como impulsoras de oportunidades de actividade económica e emprego no territorio onde se sitúan, á vez que permiten reducir as emisións de CO2 á atmosfera, entre outros puntos, contribuíndo, así, ao obxectivo de neutralidade perseguido por Europa no marco do Acordo de París e a Axenda 2030 – ODS 7, ‘Enerxía alcanzable e non contaminante’, e ODS 13, ‘Loita contra o cambio climático’. O marco de gobernanza da comunidade está baseado na colaboración público-privada-cidadá.

Artigos relacionados

Back to top button