San Xoán de Río homenaxeu nesta mañá de 8 de agosto a Gabino Rodríguez Álvarez, co descubrimento dunha placa ubicada na praza que leva o seu nome. O emprazamento cambia de nome, xa que anterioridade era a Praza do Concello. Así, ao acto, que contou cunha gran emotividade, acudiron o alcalde, Xosé Miguel Pérez, a familia, e traballadores do Concello.
Gabino Rodríguez (1930, Navea, Trives – 2014 Ourense) desenvolveu durante máis de 60 anos tarefas de administrativo e de secretario do Xulgado de Paz no Concello de San Xoán de Río.
O alcalde, que acudía en cadeira de rodas por un accidente nunha perna, calificou o acto como “moi emotivo, xa que foi a primeira medida que tomamos o ano pasado, no primeiro pleno, porque o señor Gabino Rodríguez foi unha persoa moi importante que traballou toda a súa vida no Concello. Unha vez xubilado viña todos os días a botar unha man no que podía. Todo o mundo o quere e nunca tivo ningún problema con ningúen”.
Así, Xosé Miguel Pérez apuntaba que querían recoñecelo por dúas bandas “para facerlle unha homenaxe, que o merece, para el e a súa familia; e polas futuras xeracións, para que dentro de vinte ou trinta anos, cando vexan o nome da praza, saiban quen foi. Se todo o mundo fora como Gabino, xa non teríamos un San Xoán de Río mellor, senón que teríamos un mundo mellor”.
Pola súa banda, no acto tamén interviña unha das súas fillas, Rosa María Rodríguez. “Comunicáronnos o ano pasado que ían abordar nun pleno a aprobación desta medida e pareceunos algo moi emotivo e moi bonito. Sei que Gabino non era nada pretencioso e que lle parecería unha esaxeración, pero a nós pareceunos un recordo moi importante. Quería a este pobo con loucura e esforzábase tremendamente por el”, explicaba.
Ademais, en nome de toda a familia, calificaba o acto como “moi acertado, eramos a xente xusta, xa que o que prima é a seguridade”.
Por último, unha emocionada Estrella Fernández, portavoz dos traballadores e extraballadores do Concello de San Xoán de Río non puido acabar co seu discurso, pero recoñecía que “non temos palabras para agradecerlle a Gabino o que fixo por todos nós, acollendo a todos no Concello cos brazos abertos. Con el aprendemos a tratar coa xente, a axudar en todo o que necesitaran, porque Gabino era único”.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.