ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río inicia a fase 1 do proxecto do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo de Galicia

Porase en marcha o 26 de xaneiro cunha visita ás traídas de Outeiro, As Ribadas e A Pousa

Presentación en San Xoán de Río do proxecto do Plan municipal de abastecemento autónomo, o pasado outono.

 

Dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servizo, de competencia municipal. Este é o obxectivo do programa piloto de Plans Municipais de Abastecemento Autónomo de Galicia, para o que foron seleccionados 6 municipios galegos, entre eles San Xoán de Río.

“Unha parte importante da poboación de Galicia abastécese mediante traídas veciñais. Trátase dun patrimonio básico que a Administración autonómica quere manter e mellorar. Para iso Augas de Galicia promove os Plans Municipais de Abastecemento Autónomo, iniciando estes traballos nos concellos de Baleira, Cercedo-Cotobade, Mondariza, Oia, Oímbra e San Xoán de Río coa intención de extendelos posteriormente a toda Galicia”, segundo a adminsitración galega.

Este proxecto, dotado con 150.000 euros neste municipio ourensán, inicia agora a primeira das súas tres fases de desenvolvemento, consistente na vista a traídas, estudo e valoración. “En primeiro lugar será necesario realizar visitas a cada unha das traídas tomando datos das captacións, depósitos e rede de distribución. Tamén se tomarán mostras para analizar a calidade da auga. Con esta información elaboraranse mapas e analizaranse as necesidades de cada traída. Estudarase o estado das instalacións así como o nivel de garantía técnico e sanitario que asegure o abastecemento da poboación rural en cantidade e calidade”.

Esta primeira fase comezará en Río o 26 de xaneiro cunha visita dos técnicos do programa ás localidades de Outeiro, As Ribadas e A Pousa, tal como vén de informar o alcalde deste municipio, Xosé Miguel Pérez Blecua.

A segunda fase será a de propostas de mellora e a terceira xa a dos Plans de Abastecemento Autónomo. Nesta última redactarase un documento para cada Concello recompilando os traballos realizados e as propostas plantexadas, incluíndo unha programación de actuacións segundo a súa prioridade e que sirva para guiar ao Concello en materia de abastecemento rural a curto e a medio prazo.

Artigos relacionados

Back to top button