
O Concello de San Xoán de Río reafirma o seu compromiso coa igualdade e co desenvolvemento do territorio coa presentación oficial dos Premios da Muller Rural Galicia 2026, unha iniciativa que nace coa vontade de visibilizar, recoñecer e poñer en valor o esforzo, a innovación e o papel transformador das mulleres que lideran o presente e constrúen o futuro das áreas rurais galegas.
Nesta edición, o certame superou todas as expectativas, acadando a participación de máis de 80 candidatas procedentes de toda a xeografía galega. Alcaldesas de pequenos concellos, emprendedoras innovadoras, gandeiras, profesionais do sector primario, científicas e comunicadoras conforman unha relación de nomeadas que reflicte a diversidade, a forza e o dinamismo dun rural que, hoxe máis ca nunca, ten nome de muller.
Votación popular e fase final
Dende hoxe e ata o 15 de febreiro, queda aberta a fase de votación popular a través da web oficial dos premios. A cidadanía poderá escoller ás súas candidatas favoritas nas seis categorías existentes. As tres máis votadas de cada categoría pasarán á fase final, na que un xurado especializado será o encargado de decidir as gañadoras definitivas.
Seis categorías, un mesmo obxectivo
Os Premios da Muller Rural Galicia 2026 contan co apoio de entidades patrocinadoras de primeiro nivel, o que reforza a relevancia social e económica desta iniciativa no conxunto de Galicia:
Premio Alcaldesa Rural (Concellos de menos de 5.000 habitantes) – Santalucía Seguros
Premio Emprendemento Rural Feminino – El Club del Emprendimiento
Premio Labrega, Gandeira ou Profesional da Terra – LENCE · Grupo Leche Río S.A.
Premio Impacto Social e Colaboración Rural – La Voz de Galicia
Premio Comunicadora, Influencer e Xornalista – Kia España
Premio Ciencia, Formación e Investigación – Universidade de Vigo
Un congreso para mirar ao futuro
A gala de entrega dos premios terá lugar o 20 de febreiro, como acto central do Congreso da Muller Rural, que se celebrará en San Xoán de Río os días 20, 21 e 22 de febreiro. O congreso converterase nun espazo de encontro, reflexión e aprendizaxe, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de redes entre mulleres de distintos sectores, e consolidando a San Xoán de Río como referente na defensa dun territorio con oportunidades e futuro.
“Estes premios non son só un recoñecemento individual, senón unha mensaxe colectiva: o talento non entende de códigos postais e o futuro de Galicia pasa, inevitablemente, polo liderado das súas mulleres”, sinalan dende a organización.