En portadaÚltima hora

Río, Trives, Manzaneda e Chandrexa pasarán ao Xeodestino Ribeira Sacra

Os concellos veñen de recibir unha comunicación de Turismo de Galicia informando da modificación e dando un prazo de 3 días para presentar alegacións á medida

Vista da comarca das Terras de Trives.

 

Continúa a proposta de modificación do mapa dos Xeodestinos turísticos galegos, iniciada no 2019. Turismo de Galicia enviaba nesta semana os concellos de San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Manzaneda e Chandrexa de Queixa (incluídos, agás no caso de Río, no Xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras) unha comunicación na que se lles informaba de que, dentro da nova configuración do mapa de xeodestinos, pasarán ao Xeodestino 14 Ribeira Sacra. Ademais na comunicación de Turismo de Galicia dase un prazo de tres días dende a recepción desta misiva para que, se fora necesario, realicen as alegacións oportunas sobre a proposta de modificación trasladada.

Esta noticia foi moi ben acollida dende os concellos. Así o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, explica que pedir que “nos incluísen na Ribeira Sacra é unha das primeiras medidas que tomamos en 2019 tras chegar ao goberno municipal. Primeiro quero darlle as grazas a todo o mundo que traballou todos estes anos para facer da Ribeira Sacra o que hoxe é e quero dicir que nós non nos sumamos para coller parte dun pastel conseguido por outros, senón para sumar e traballar en todo o posible para que a Ribeira Sacra vaia a máis coas nosas aportacións”. Ademais este rexedor lembra que, “a día de hoxe, San Xoán de Río é o único concello galego sen xeodestino, porque dixemos que só entraríamos na Ribeira Sacra e fumos os únicos que non entramos en Manzaneda-Trevinca-Valdeorras”.

Para a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, considera que este paso é “o culme dun traballo iniciado polo grupo de goberno no 2019 e que supón unha importante nova para a nosa vila. En xullo de 2019 levamos este asunto ao pleno, coa proposta de entrada no consorcio. Aprobado por unanimidade. Unha acción á que se sumaron os concellos limítrofes veciños. Solicitouse dende entón de xeito reiterado polo noso Concello ante distintas instancias, chegando a elevar o asunto ao Parlamento Galego ante o silencio imperante. A través do grupo parlamentario socialista de xeito reiterado durante estos anos eleváronse proposicións non de lei e iniciativas parlamentarias. A última ainda co comenzo de este ano”.

A alcaldesa asegura tamén que “congratulámonos de que ao fin, este traballo de máis de dous anos froitifique” e considera que se trata dun “recoñecemento importantísimo para Trives, para os veciños e para toda a comarca no que non só Trives gana, senón tamén toda a Ribeira Sacra dado o valor patrimonial, cultural, gastronómico e histórico que a nosa vila aporta”.

De maneira positiva recibe tamén a noticia o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández. “Xa no 2019 en acordo plenario propoñíase o cambio que propoñía a Xunta, xa que nos temos moito que ver coa Ribeira Sacra, tanto no relacionado cos viños, xa que pertencemos a esa denominación; como no relativo á paisaxe con canóns similares, entón si que tiñamos interese en entrar no Xeodestino Ribeira Sacra. Daquela o asunto non avanzara, e seguimos funcionando co Xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras ata agora que nos cambian. E esperaremos que sexa efectivo o cambio”.

Así, coa proposta de modificación este Xeodestino da Ribeira Sacra incluiría aos seguintes municipios: San Xoán de Río, Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober, Taboadela, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo.

Artigos relacionados

Back to top button