DeportesFútbol salaRúa Valdeorras CFÚltima hora

Rosendo Durán deixa de ser adestrador do Rúa Valdeorras Futsal

 

Unha vez remata a liga comezan as despedidas. E unha das primeiras e pode que máis sorprendentes sexa a do adestrador do Rúa Valdeorras CF, Rosendo Durán, que deixa o club de fútbol sala feminino despois de tres tempadas.

Entre bágoas, abrazos e moitos bos desexos, despedíase na tarde do venres 31 de maio trala asemblea xeral do club, lendo unha emotiva carta na que recoñecía que ser adestrador é a profesión que nace da paixón máis pura e despois de 33 anos nas pistas adestrando a infinidade de xogadores, e “nestes tres últimos, cumprín un soño, o de adestrar un feminino”.

Durán asegura que “máis que un adeus quero que sexa un ata logo, porque xamais vou renunciar a esta familia do Rúa Valdeorras FS”. Na súa carta asegura que “nestes tres anos onde aprendemos a ser os que somos agora, gañástesme co voso agarimo máis sincero e resulta fácil despedirme pero necesito descansar…”

Desta experiencia “lévome á familia que un escolle; as miñas delegadas Ra e Lenci, a miña capitana e amiga Sabe; e ao meu equipo, as miñas nenas: Lola, Marta, Alba, Noe, Carol, Leti, Carlota, Anxela, Antía, Samy, Gise, Julia, Sabe. Quérovos aínda que ás veces mataríavos! Sen esquecerme de Antía, Mar, Ainhoa a seguir traballando que todo chega”.

O xa ex adestrador do equipo feminino tampouco se esquece dos nenos que van adestrar, dos que están por fóra axudando, nais/ pais, Edgar, Aimar, Isa, Jessi, etc e de “toda esa afección que sempre estades aí, sodes impresionantes”, dixo, dando as grazas a todos e asegurando que “isto non é un adeus definitivo, volveremos vernos máis pronto que tarde”.

 

Artigos relacionados

Back to top button