ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Rúa presenta un manual de bos usos para reciclar no Nadal

A guía pode conseguirse nos establecementos comerciais e no propio Concello

A Rúa é un concello no que si se recicla, pero así e todo, tanto o tema da reciclaxe como do control en xeral do lixo “polo que ten de vinculación co concepto de cidadanía” é un tema que segue preocupando ao equipo de goberno que cre que “falta unha cultura de reciclaxe, de tratamento dos residuos sólidos urbanos”, en palabras da concelleira de Medio Ambiente da Rúa María González Albert. Por iso, pareceulles unha boa iniciativa, a publicación dun manual didáctico de bos usos centrado nas datas de Nadal, co que esperan avanzar “neste tema no que queda moito por traballar”.

A presentación da guía “A Rúa recicla o Nadal” tiña lugar na mañá do 20 de decembro no Concello da Rúa, coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, do Alcalde Luis Fernández Gudiña e do autor, Xosé A. Perozo. El mesmo explicou que cando se plantexaron a edición deste libro, fixérono “pensando en levar ás familias o coñecemento das tres R sobre as que hai que basear a protección do medio ambiente: Reducir, Reciclar, Reutilizar”.

Trátase dun manual no que se explica que facer con todo o que se pode utilizar no fogar, con consellos asemade para o pequeno comercio. O motivo de centralo no Nadal é, segundo Perozo, que se trata dunha época de moitísima produción de residuos “cos que a xente, xeralmente, non sabe que facer”. A árbore, os xoguetes vellos, as medicinas, a roupa que quedou obsoleta,… “Tratamos de explicar que se pode facer con todos eses refugallos, como reutilizalos e reciclalos antes do propio Nadal, incluídos os alimentos, xa que esta é a época na que máis alimentos se tiran”, dixo Xosé A.

O alcalde pola súa parte lembrou o interese do Concello en conseguir que a xente recicle e “leve cada residuo ao lugar que lle corresponde”. Nesta guia recóllese calquera posibilidade de reciclado que se poda dar nun fogar “e queremos facelo extensible a todas as familias e farémolo en colaboración co pequeno comercio”. A distribución dos mil exemplares editados, será a través dos escolares e tamén dos establecementos comercias ademais do propio Concello. “Pareceunos moi boa a idea de recoller nun libro toda a problemática que temos en canto a reciclaxe, para poder telo nun lugar destacado no que poder consultalo cada vez que teñamos unha dúbida”, concluíu Fernández Guudiña.

Artigos relacionados

Back to top button