ConcellosTrivesÚltima hora

Rubén Pérez é designado alcalde pedáneo da localidade trivesa de San Xoán de Barrio

Rubén Pérez Rodríguez (centro) coa alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez.

 

Como “unha canle entre a alcaldía e os veciños e veciñas que facilita a xestión municipal se define a figura dos alcaldes pedáneos ou de barrio, un medio de participación cidadá, por canto achegan o dereito da poboación ao proceso de toma de decisións no ámbito local”, explican dende o Concello da Pobra de Trives adiantando que para este mandato que abrangue o período 2023-2027 vén de aprobarse un decreto “co que se designa con este cargo na localidade de San Xoán de Barrio a Rubén Pérez Rodríguez”.

Entre as funcións do alcalde pedáneo figura a representación ordinaria da alcaldesa no seu ámbito territorial; a presidencia da xunta de veciños e das asembleas ou reunións que se convoquen; a vixilancia inmediata das obras e servizos municipais na súa demarcación; informar á veciñanza sobre as normas, acordos e demais actuacións municipais que lles afecten; canalizar as aspiracións da veciñanza respecto do Concello e facerse cargo de cantos asuntos lle delegue a alcaldesa sen que, en ningún caso, poida existir unha delegación de atribucións ou competencias.

“A lexislación galega regula a figura dos alcaldes de barrio para aqueles núcleos de poboación separados do casco urbano e que non constitúen entidade local. Son nomeados pola persoa que exerce a alcaldía, debendo ostentar a condición de veciño o veciña do núcleo para o que se lle designe con esta responsabilidade”, puntualizan dende o Concello. A ese respecto, a rexedora “estuda a situación de cada localidade da Pobra de Trives para seguir designado novos alcaldes de barrio que faciliten a xestión municipal cunha canle entre a alcaldía e os veciños e veciñas”.

Artigos relacionados

Back to top button