Os membros da Corporación municipal de Rubiá aprobaban por unanimiade este mediodía nunha sesión plenaria extraordinaria, e marcada pola tristura e a consternación, solicitar a declaración de zona catastrófica para este concello, tras as graves consecuencias do incendio forestal, arestora aínda activo, que está a afectar á comarca de Valdeorras dende o pasado xoves. “Este o típico pleno que a ninguén lle gustaría convocar, tocounos vivir esta situación que é unha auténtica desgraza, pero temos que seguir adiante”, dicía con suma tristeza e emocionado o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez. A continuación daba lectura á proposta da declaración de zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil ante a catástrofe dos incendios.
O documento comeza sinalando que “o Concello de Rubiá e a comarca de Valdeorras están a sufrir desde hai uns días a máis grave situación de emerxencia medioambiental e persoal que se lembra. O lume, que comenzou a pasada semana no concello de Carballeda de Valdeorras e se estendeu logo ao municipio do Barco, para seguir despois ata o de Rubiá ne de novo ao de Carballeda, puxo en risco colectivo á nosa comarca, xerando un perigo inminente ás persoas e aos bens e materializándose en cuantiosos danos no noso concello. Esta situación esixiu aos poderes públicos a posta en marcha de medidas de xestión rápida para atender e mitigar os danos, tratando de conseguir que non se producira unha catástrofe de grandes dimensións”
Así mesmo, o documento incide nos “importantes danos tantos medioambientais como materiais, en bens tanto públicos como privados. Ademais dos danos materiais que produciron os lumes, e do importantísimo dano medioambiental que está a sofrir no ecosistema de Rubiá, concretamente no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, é preciso salientar por enrriba de calquera outro os danos causados en vivendas e enxoval doméstico, así como nas construcións anexas e instalacións complementarias de apoio á economía e vida familiar dos nosos veciños. Pozos, cubertos, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de alumeado, instalacións de telecomunicacións, cerramentos das fincas onde se atopan as vivendas etc, se viron afectados polas lapas. O lume causou danos en infraestruturas privadas como pistas forestais, captacións de auga, cerramentos, maquinaria e equipamento agrícola ou forestal, plantacións privadas etc.”
Ademais, sinálase que “non hai que esquecer os danos producidos polos incendios nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís ao afectar ás edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías, vehículos comerciais ou industriais e os danos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras. Por último, tamén bens de titularidade pública se viron danados polos incendios. Entre eles, servizos públicos municipais como vías de acceso a núcleos de poboación, o servizo de alumeado e o de subministración de auga. Para poder comezar a fase de recuperación do noso concello, así como da comarca tras esta catástrofe é preciso que as entidades públicas poñan en marcha un conxunto de accións e medidas de axuda dirixidas ao restablecemento da normalidade na zona do sinistro”.
Na proposta tamén se resaltaba que estas accións “requiren axilidade, e precisamente por iso, se require un acordo de urxencia por parte desta Administración”. E nese senso, o pleno de Rubiá acordaba, en primeiro lugar, “amosar a súa consternación pola grave situación de emerxencia medioambiental e persoal provocada pola vaga de lumes que está a golpear á comarca de Valdeorras e pola catástrofe que os incendios xeraron e mostra a súa solidariedade con todos os veciños afectados”. Ademais, o pleno de Rubiá agradece o esforzo “realizado por todo o persoal implicado de maneira directa e indirecta na loita contra os incendios, tanto ao persoal municipal como provincial, autonómico e estatal. Especialmente, aos veciños dos pobos que se viron rodeados polas lapas, e que traballaron sen descanso para salvar os núcleos de poboación”, tal e como lía o alcalde de Rubiá, do PP.
En segundo lugar, o Concello de Rubiá “realizará as actuacións e adoptará os acordos que para o efecto sexan precisos, por conduto do seu alcalde ou á persoa na que delegue, para instar a máis ampla colaboración de todos os poderes públicos para a recuperación do noso Concello e da nosa comarca, especialmente ante as administracións do Estado, da Comunidade Autónoma de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense”.
Finalmente, a Corporación acordaba que o Concello de Rubiá realizará as actuacións e adoptará os acordos precisos para solicitar que a Administración xeral do Estado, a través do Consello de Ministros, declare a situación de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, de acordo co previsto na “Lei17/2015, de 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil”, e solicitará as liñas de axuda e medidas previstas nesa lei para a situación de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil e, de ser o caso, as axudas que se contemplan na disposición adicional cuarta desa “Lei 17/2015, de 9 de xullo”. Así mesmo realizaranse as actuacións e tomaranse os acordos necesario para solicitar que a Administración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense convoque unha liña de axudas ou subvencións para atender ás necesidades derivadas desta situación de emerxencia de natureza catastrófica.
Tras a lectura da proposta, interviña a concelleira socialista Raquel Méndez para pedir que “as administracións axilicen o que poidan porque sabemos o que tardan, entón canto antes, mellor”. Algo no que coincidía co alcalde, que tamén expresaba “o seu desexo de que isto non volva pasar”.
Ademais o concelleiro socialista José Fernández plantexaba que “se non se cambia a política forestal de incendios, isto vai seguir unha vez e outra, en canto haxa maleza suficiente, isto vense repetindo sempre, pero se volve, esperemos que non sexa algo tan gordo como agora”.
Finalmente, o acordo era sometido a votación e resultaba aprobado por unanimidade. Deste xeito, Rubiá é o segundo concello valdeorrés, tras o acordo tomado polo pleno barquense onte, que aproba solicitar a declaración de zona catastrófica e tamén está previsto que o faga en breve o Concello de Carballeda.
Fotos: Carlos G. Hervella.