A Ribeira Sacra continúa o seu camiño para converterse en patrimonio mundial. Un recoñecemento ao que opta como candidatura para o 2026. E nese marco e con ese obxectivo sitúase a visita que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realizaba na tarde deste 27 de outubro ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil xunto ao embaixador delegado permanente de España ante a Unesco, Miquel Iceta, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Francisco Magide; e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández, entre outras autoridades.

“Este é o inicio dun seminario importante sobre a Ribeira Sacra, que a nosa intención é que sexa inscrita como Patrimonio Mundial por parte da Unesca. É un dossier no que se vén traballando dende hai un tempo e estamos intentando axustar ao máximo cos requirementos da Unesco. Quero sobre todo recoñecer o labor da Xunta, porque realmente protexer un paisaxe cultural da dimensión do da Ribeira Sacra e atopar usos que sexan compatibles con esa protección, non sempre é fácil”, comentaba Miguel Iceta.

Ademais sinalaba, tras visitar diversos tramos da zona, que “unha das dificultades é que a Ribeira Sacra é tan grande, cunha diversidade tan tremenda que ás veces custa facerse unha idea do conxunto”. Tamén lembraba que “isto forma parte dunha identidade que ao longo dos séculos fixeron da auga o seu elemento de conexión e tamén desa viticultura en altura tan difícil e tan heroica. E viñen a coñecer iso de primeira man porque vou defender esta candidatura. Esta paisaxe identifica case tanto a Galicia como o Camiño de Santiago, porque deulle moito ao valor das xentes de aquí, que é algo que ás veces custa, cando ves unha paisaxes imaxinar tamén ás persoas que viven e traballan e que ao longo do tempo fixeron seu este espazo e este espazo conformounas como seres humanos ao longo de moito tempo”.

No congreso internacional “Fontes”, que se inaugurará mañá no Parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, participarán expertos doutras comunidades e tamén doutros países, “para traballar xuntos e entre todos presentar a mellor candidatura”, engadía Iceta, que recoñecía tamén o labor do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e dos concellos que o conforman. “Todo isto é posible porque moita xente traballa de forma coordina e dándose a man, na Ribeira Sacra, esa cooperacióni dase e é unha garantía máis do seu éxito”.
Pola súa banda, presidente galego resaltou a singular paisaxe de auga que conforma e identifica a Ribeira Sacra. Ademais fixo fincapé no traballo e rigor que hai detrás dunha candidatura de consenso na que colaboran man a man administracións -desde a Xunta ata 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense-, entidades, axentes económicos e veciños da contorna. E resaltaba o “consenso xeralizado, son moitos lugares traballando intensamente, coordinamente e moi ben, xa nos achegamos á fase final, o momento decisivo, e eu agardo que este labor dea o seu froito. Para Galicia é moi importante, ser Patrimonio da Humanidade é un salto cualitativo moi relevante, e case un antes e un despois”.

Por último, Rueda agradeceu que expertos de diferentes eidos se reúnan estes días no citado congreso internacional “Fontes”, que se celebra na Ribeira Sacra para avaliar o retos presentes e futuros desta zona e a súa candidatura a ser declarada Patrimonio Mundial.
Fotos: O SIL.
