ConcellosÚltima horaVídeosVilamartín

Ruiz de Padrón será nomeado Valdeorrés Ilustre este venres 8 de setembro en Vilamartín

O acto terá lugar pola mañá no Concello, trala ofrenda floral diante do seu monumento, na conmemoración do bicentenario do seu falecemento

 

Neste mes de setembro cúmprense 200 anos do pasamento de Antonio José Ruiz de Padrón (San Sebastián de La Gomera, 1757-Vilamartín de Valdeorras, 1823), abade de Vilamartín e Deputado nas Cortes de Cádiz. Unha efeméride que se celebrará por todo o alto este venres día 8.

 

 

A iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses e coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras, ás 11 horas realizarase unha ofrenda floral no monolito do finado, situado no atrio da igrexa parroquial. “Será un acto similar ao celebrado no ano 2012, cando se colocou a estatua á que lle poremos unha coroa de loureiro co acompañamanto musical dunha gaita”, explicaba o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, na presentación dos actos na tarde deste luns 4 de setembro na Casa Grande de Viloira.

 

 

Acompañado pola directiva do Instituto e pola tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Sherezade Núñez, Blanco Trincado explicou que trala ofrenda dirixiranse ata o Salón de Plenos do Concello para proceder á proclamación de Ruiz de Padrón como Valdeorrés Ilustre. “O nomeamento foi aprobado no mes de marzo pero quixemos facelo efectivo no día do bicentenario da súa morte”, dixo Aurelio, engadindo que no acto darase lectura á debandita acta, intervirán tanto el mesmo como presidente do IEV como o alcalde de Vilamartín e falarase sobre a figura do homenaxeado. “Estaba previsto que a lección fose impartida por Antonio Castro Voces pero por problemas de saúde non pode así que farémolo algún de nós, que nestes días estamos aprendendo e descubrindo moitas cousas sobre o abade que, non só introduciu o sistema de rego en Vilamartín, senón novas técnicas de cultivo e aprendeu á poboación diferentes sistemas de transformación da materia, entre outras moitas cousas”, dixo o presidente do IEV.

 

 

Pola súa banda, Sherezade Núñez adiantou que o Concello de Vilamartín participará vía streaming nos actos que ese mesmo día organizarán en San Sebastián de La Gomera. “Ás 13 horas Enrique Álvarez participará no pleno e pola tarde en torno ás 20 horas, Avelino García Ferradal participará como membro do IEV no 1º Seminario Sobre a Figura do abade Ruíz de Padrón que ten como temática a súa figura e universalidade”.

 

 

Posteriormente, xa de cara ao inverno, retomaranse os trámites para o irmandamento entre os Concellos de Vilamartín de Valdeorras e San Sebastián de La Gomera que quedaron suspendidos tralas eleccións municipais.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button