Multitude de persoas achegábanse o 22 de febreiro, ata Vilariño de Conso para desfrutar do seu Entroido. Rozando as 12h. actuaba a Banda de gaitas de Vilariño e logo tiña lugar o pregón, tras o cal se lle rendía unha emotiva homenaxe a Francisco Blanco “Quico”, un veciño de Sabuguido falecido recentemente, que sentía con auténtica paixón esta festa e que levaba tres décadas vestindo ao Boteiros do Folión do Val. Unha representante deste folión entregáballe un ramo de flores ao seu fillo, Ramón.
De seguido, soaban os bombos e as aixadas e comezaban as carreiras dos Boteiros do Fulión de Vilariño de Conso, que abría o desfile. Despois viña os fulións do Val, de San Cristobo, Conso e A Veiguiña; o de Chaguazoso, Mormentelos (todos eles do concello de Vilariño de Conso), así como o de Carracedo da Serra (A Gudiña), Bembibre (Viana do Bolo), Buxán (O Bolo) e o Alternativo de Viana.
Durante o desfile contouse coa colaboración de Protección Civil de Vilariño de Conso, Trives e San Xoán de Río, co GES da Gudiña e coa Garda Civil, que regularon o tráfico e velaron pola seguridade.
Pasadas as dúas e media da tarde finalizaba o desfile e dábase paso a XXXI Festa do Cabrito, que reunía a uns 1.700 comensais (entre a carpa instalada na área recreativa e o pavillón polideportivo). Pola tarde continuaba a festa con música da man da orquestra Olympus.
O sábado era unha das datas centrais do Entroido de Vilariño de Conso, cuxo programa continuará ata o vindeiro Mércores de Cinza e que está sendo organizado pola Asociación Xuntos polo Fulión e polo Concello de Vilariño de Conso.
Fotos: Ángeles Rodríguez