CulturaCulturaÚltima hora

Sabela Hermida: “O exilio converteu a María Casares nunha actriz universal”

Esta actriz, de orixe valdeorresa, presentaba esta tarde na Biblioteca do Barco o seu libro "María Casares fronte ao espello” (Xerais)

 

Non foi só por vocación e por amor ao teatro, María Casares (A Coruña, 1922-Alloue, Francia, 1996) convertíase tamén en actriz por “unha cuestión vivencial e por unha necesidade perentoria” e económica, xa que a súa familia era consciente do seu talento. Así o destacaba a tamén actriz Sabela Hermida, de orixe valdeorresa, na presentación na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco, da investigación que realizaba sobre a artista e que agora vén de converterse no libro, “María Casares fronte ao espello”, publicado por Xerais.

Casares tiña apenas 14 anos cando chegou a París, e xa nese momento intentaba entrar no Conservatorio. Non o lograba a primeira, por unha cuestión “relacionada coa palabra, polo francés, xa que eles son moi esixentes”, pero si o conseguía ao segundo intento.

Para Sabela Hermida, o exilio que sufría Casares, foi clave na súa traxectoria profesional. “Á inversa do que sucedeu co seu pai, o de María Casares foi un exilio triunfante, porque o exilio convertiuna nunha actriz universal”.

 

 

O seu legado artístico e filosófico está considerado un referente para o teatro do século XX, especialmente para o teatro do exilio. No seu libro Sabela Hermida aborda ese gran legado a través dunha retrospectiva da súa biografía, evolución artística e concepción da arte dramática, influenciada en gran medida pola corrente existencialista francesa e pola experiencia do exilio.

Na presentación deste volume, que enchía a biblioteca barquense, estaba acomañada por Cristina de la Torre. No acto tamén podía adquirirse este libro que a propia autora asinaba ao rematar.

Fotos: A.R. e cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button