OurenseÚltima hora

Sabores de Outono, do 20 ao 29 de novembro en Ourense

No concurso de pinchos participarán máis de 50 establecementos hostaleiros da cidade
Cartaz do concurso Pinchos de Outono 2015.
Cartaz do concurso Pinchos de Outono 2015.

Uns 53 establecementos, tres máis que na edición de primavera e de outono de 2014, participarán na oitava edición de ‘Sabores de Ourense’ de Outono que se desenvolverá entre o 20 e o 29 de novembro na cidade das Burgas. Así o adiantaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación do evento gastronómico, que tiña lugar na mañá do 10 de novembro no Salón de Plenos do Concello.

Organizado conxuntamente pola concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e a Unión de Hostaleiros Ourensáns (UHO), no concurso participarán locais situados na zona dos viños, no centro, na Ponte, San Francisco e Mariñamansa, así coma nas instalacións termais, que presentarán pinchos elaborados con cogomelos ou castañas, “potenciando así o consumo de materias primas locais e de tempada”, en palabras de Jesús Vázquez. O importe máximo dos pinchos será de 2,50 euros.

Entre os premios oficiais desta edición do concurso, ademais dos tres outorgados polo xurado profesional, os tres concedidos polo público e o da prensa, recupérase o Premio Pincho Celíaco, outorgado pola Asociación de Celíacos de Ourense, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración. Ademais das distincións honoríficas que se levarán os locais premiados e finalistas, o establecemento gañador do 1º premio do Xurado Profesional (que contará coa presenza de Ángel Moretón, director do Concurso de Pinchos de Valladolid, entre outros profesionais da cociña) será o representante da cidade na vindeira edición do concurso autonómico ‘De Tapas por Galicia’, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia.

Con respecto ao público, os participantes que depositen o seu voto nas urnas colocadas nos establecementos entrarán no sorteo de distintos agasallos. Ademais, combinando o pincho cun viño da DO Ribeiro pódese gañar unha cata maridada para 10 persoas, podendo tamén o local levar premio. Por último, participando a través da app “sabores de Ourense” (para sistemas operativos iOS e Android) poderase gañar un teléfono móbil.

Artigos relacionados

Back to top button