CulturaCulturaÚltima hora

Sae á luz unha antoloxía poética sobre Delgado Gurriarán escrita por Xesús Alonso Montero

'Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio' é o título do libro editado por Galaxia

Portada do libro escrito por Alonso Montero.

 

Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero, é o título que recibe o estudo sobre a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022 que vén de publicar a Editorial Galaxia na colección Letras Galegas, e que afonda na biografía e na obra do poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

O catedrático Xesús Alonso Montero, unha das personalidades que máis levan reivindicando a obra de Delgado Gurriarán, afonda nesta antoloxía poética, no coñecemento da obra lírica do autor, poñéndoa en relación coa súa peripecia vital.

Tal como explican dende a editorial, Florencio Delgado Gurriarán é un escritor que hai tempo que reclamaba a atención dos críticos e desde este traballo, “Alonso Montero achéganos á súa nobre obra literaria e á súa biografía na terra, na guerra e no exilio, moi condicionada por acontecementos adversos, onde, nese longo período, o poeta mantivo sempre ergueita a súa dignidade e o seu compromiso cos ideais que abrazara de mozo”.

Coa súa poética, Delgado Gurriarán, cantou a paisaxe e os froitos báquicos de Valdeorras, e desde a súa preocupación polo idioma tamén se debruzou sobre el para compoñer unha serie de sentidos poemas sociolingüísticos, insólitos no seu tempo, á vez que cultivou a sátira e os poemas elexíacos. “Poucas matrias en Galicia posúen un poeta da autenticidade e inspiración amosadas por Delgado Gurriarán. Poeta de Valdeorras, é poeta de Galicia, e, nalgunhas páxinas, poeta para ser lido en calquera latitude”, aseguran dende Galaxia.

Xunto coas reedicións de Bebedeira, O soño do guieiro, Galicia infinda, da autoría de Florencio Delgado Gurriarán; a biografía escrita por Ricardo Gurriarán, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista; e a publicación na colección Lectura Fácil de Galicia infinda, de Lucía Gómez Álvarez, Galaxia completa así o ramo editorial das Letras Galegas cun estudo minucioso e completo arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2022.

Artigos relacionados

Back to top button