
Na mañá do 15 de xullo, era presentada a 28 edición do Anuario da Gaita, editado pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, e que achega investigación, tradición, cultura e etnografía nunha mesma obra, adicada integramente ao instrumento senlleiro de Galicia, que conta tamén con estudos sobre a gaita, ademais de colaboracións de expertos e traballos de ámbito histórico.
No acto, o vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández dixo que se trata dunha obra “de referencia tanto para investigadores como para aquelas persoas e colectivos interesados no estudo da gaita, que recolle cada ano parte da tradición de Ourense e Galicia vencellada a este instrumento”. Rosendo Fernández engadiu que Ourense mantivo dende vellos tempos “unha importante tradición musical, levando a dianteira en moitos sensos en relación ao desenvolvemento da cultura galega, e a Deputación de Ourense ten entre os seus obxectivos poñer en valor todo ese legado cultural, e sinaladamente o que se refire ao noso instrumento máis destacado”.
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo explicou que a revista edítase dende o ano 1985, cando se creou a Escola Provincial de Gaitas. “O noso obxectivo é promocionar o mundo da gaita e a todas as xentes que ao longo da historia elevaron este instrumento á categoría que se merece”. Foxo destacou que nesta edición “faise un especial recoñecemento á iconografía da gaita, levando á portada unha escultura de Alfonso X “O Sabio” tocando a gaita, e na contraportada, unha fotografía da escultura que reproduce a un gaiteiro na Colegiata de Toro.
A revista recolle artigos sobre “Cantareiras”, “Torneado da gaita”, “Panchito Cao, “o gaiteiro de Texas”, estudos sobre “A gaita marcial” e “A gaita rusa”, e todas as actividades desenvolvidas pola Escola de gaitas da Deputación de Ourense e da Real Banda ao longo do ano 2013.
Desta publicación edítanse 600 exemplares que se distribúen entre bibliotecas, colectivos e investigadores de todo o mundo, enviándose a países como Estados Unidos e Xapón e tamén á maioría dos países europeos.