
A campaña arqueolóxica desenvolvida en 2026 no xacemento do Castelo de Valencia do Sil, promovida e financiada polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, permitiu documentar novos achados de gran relevancia para o coñecemento histórico de Valdeorras e do noroeste peninsular en época tardorromana.
“Os resultados preliminares desta intervención confirman, unha vez máis, o enorme potencial arqueolóxico do asentamento. Entre os principais avances destaca a documentación de novas estancias habitacionales dentro do gran complexo residencial identificado en campañas anteriores, así como a recuperación dunha importante cantidade de materiais cerámicos e metálicos asociados aos séculos IV e V d.C.”, tal e como indican os investigadores.
Especialmente relevante resulta a aparición de elementos cerámicos completos ou practicamente completos, que permiten aproximarse con maior precisión ás formas de almacenamento, preparación e consumo de alimentos dentro do asentamento. Xunto a estes materiais, a documentación de obxectos metálicos como coitelos, pezas de uso cotián e elementos de adorno privado, entre eles aneis de bronce, ofrece unha imaxe cada vez máis detallada da vida diaria das persoas que habitaron O Castelo.
“Un dos achados máis significativos durante os traballos de laboratorio foi a localización de restos óseos correspondentes a un individuo infantil, documentado en relación con niveis de nivelación das estruturas e probablemente vinculado a unha das primeiras fases de ocupación do xacemento”, resaltan os investigadores.
“Atopar un individuo infantil nestes contextos resulta relativamente estraño para as cronoloxías que manexamos do final do Imperio romano”, sinala Celtia Rodríguez González, directora da escavación. “Este tipo de prácticas son máis coñecidas en sociedades prehistóricas, protohistóricas e en contextos do cambio de Era, como se documentou noutros xacementos de Galicia como A Lanzada, en Sanxenxo, onde se identificaron individuos infantís do século I d.C. nun espazo de patio. No caso do Castelo, a estratigrafía parece indicar que este achado podería estar vinculado á primeira fase do asentamento”.
“Aínda que é aínda moi pronto para aproximar a hipótese, probablemente pertenza a esa primeira fase de ocupación do xacemento, moi vinculado cos Gigurros de Valdeorras”, asegura Carlos Tejerizo, codirector dos traballos “De ser así, estariamos ante o primeiro corpo dun Gigurro de Valdeorras”, matiza.
O estudo bioantropolóxico preliminar foi realizado pola antropóloga Laura González-Garrido, especialista na análise de restos infantís. Segundo indica a investigadora, “os restos óseos analizados corresponden a un número mínimo de individuos dun, cunha idade de falecemento estimada entre 36 e 38 semanas de xestación. Trátase, por tanto, dun individuo perinatal, probablemente un feto a termo, de sexo indeterminado. Ata que poida determinarse con precisión a etiología das lesións que presenta, estas deberían considerarse indicadores inespecíficos de hemorraxia ou infección”.

A falta de novas análises que permitan precisar con maior detalle a cronoloxía e o contexto do achado, “os datos dispoñibles abren unha liña de investigación de gran interese sobre as prácticas funerarias, os rituais domésticos e a consideración social da infancia nas comunidades romanas do noroeste peninsular”, segundo Carlos Tejerizo.
A documentación de individuos perinatais ou recentemente nados en espazos domésticos é unha práctica coñecida en diferentes contextos de época romana, aínda que aínda pouco estudada no ámbito do noroeste. Estes achados permiten aproximarse a aspectos fundamentais da vida cotiá, as maternidades, os coidados e os rituais vinculados á infancia nas sociedades do pasado.
Desde a dirección da intervención sublíñase que os resultados son aínda provisionais e que o estudo do xacemento continúa en curso. Nos próximos meses, o equipo seguirá traballando na análise dos materiais recuperados, a revisión estratigráfica e a interpretación conxunta dos datos arqueolóxicos e bioantropológicos.
Estes traballos están promovidos polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, coa colaboración da asociación científica Sputnik Labrego, o proxecto Coidarq da Universidade de Santiago de Compostela, a empresa Tempos Arqueólogos, a Universidade de Salamanca, a Unidade de Arqueologia dá Universidade do Minho, así como o master de arqueoloxía e ciencias da antigüidade das universidades galegas.
