CulturaCulturaÚltima hora

Un salvavidas de golfiños varados gaña o primeiro premio da Galiciencia 2017

 Os recoñecementos especiais foron para alumnos do IES Aller Ulloa de Lalín, do Colexio Alborada de Vigo e do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio  

O dispositivo salvavidas de golfiños varados deseñado por dous estudantes vigueses é o gañador absoluto da Galiciencia 2017. O sistema desenvolvido por Carlos Fole, Jaime Alonso, Miguel Herranz e Mateo Martínez do Colexio Montecastelo de Vigo, foi o mellor valorado polo xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2018 (Barcelona).

Durante os tres días que durou a Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos a as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes. O evento estivo organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, correspondeulle ao estudo de Martín Ansia e Miguel Rodríguez, das aulas Tecnópole, sobre os metais de sacrificio, utilizados para protexer contra a corrosión as estatuas metálicas ao aire libre, como os bancos dos parques.

En terceiro lugar quedaron Arnau Visuña e Adrián Aira, do CPI Poeta Uxío Novoneyra ( Seoane do Courel, Lugo), que se propuxeron coñecer a fondo a poboación de bolboretas na aldea de Forxán, comparando a súa biodiversidade en dous hábitats diferentes.

De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. A radiografía dun cigarro de Ángela Reboredo e Andrea García, do IES Aller Ulloa de Lalín, foi recoñecida como o proxecto cunha mellor presentación e comunicación oral.

Como proxecto máis innovador, foi premiado o invernadoiro con autorrego de auga de mar, de Laura Costas e Inés Castro do Colexio Alborada de Vigo. A maqueta que as alumnas levaron á Galiciencia conquistou ao xurado nun momento especialmente marcado pola ameaza da seca. O prototipo, con forma de piscina cuberta, sitúa os cultivos nunha plataforma enriba da cubeta inferior á que chega a auga de mar.

O proxecto de modificación xenética dun fungo desenvolvido por Carlos Casquero e Santiago Janeiro, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra), foi distinguido polo método científico e proceso de investigación mellor definido.

Artigos relacionados

Back to top button