
Por primeira vez Samos acollerá un dos treitos do Rally San Froilán que se celebrará o 18 de outubro. Será un percorrido de 11, 4 km, cun percorrido moi técnico, que se inicia na estrada de Estraxiz e que conclúe preto do Mosteiro. A primeira pasada está prevista ás 18:45 horas e a segunda, ás 22:25 horas.
Samos debuta así no Rallye San Froilán pola porta grande xa que será o último treito da proba e, por ende, do Campionato Galega, que remata co rally lucense.
A alcaldesa de Samos Chus López destacou que “desde que chegamos ao goberno multiplicáronse as actividades en todos os ámbitos e hoxe estamos moi orgullosas de anunciar que o noso concello acollerá por primeira vez o Rallye San Froilán, que é unha das probas deportivas máis destacadas das que se celebran en Galicia e no Estado. Temos ademais o aliciente de que o tramo, que será o último, pode ser decisivo tanto para o desenlace do Rallye como do Campionato Galego”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro reiterou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao Rallye San Froilán, un dos maiores expoñentes da gran afección ao automobilismo na provincia” e valorou que “o percorrido sexa tamén unha oportunidade de dinamización social para todos os concellos polos que pasa”.
Samos será a novidade no percorrido do Rallye, que pasará tamén por estradas dos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo, O Páramo e Sarria e que conta un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo como principal patrocinio.