
A primeira das ‘Conversas de Verán’ á beira do Sil tiña lugar en San Clodio o pasado 23 de xullo cunha temática que esperta lembranzas, incluso emocións: a chegada do ferrocarril á vila e o seu impacto social e económico. O encontro, celebrado nun ambiente distendido, era presentado polo concelleiro de Educación e Cultura, Luis Fernández, e contou cun “notario” moi especial, Anxo Castro, alumno de ESO, encargado de tomar nota das historias narradas polo mestre local Manuel Cao, protagonista da velada.
Durante unha hora, Cao fixo unha viaxe ao século XIX para lembrar como o tren chegou a Galicia como símbolo de cambio e prosperidade, reclamado xa dende mediados do século XIX por persoeiros como Emilia Pardo Bazán ou Montero Ríos. A propia Pardo Bazán, anos despois, pasaría pola estación de San Clodio nun tren polo que tanto loitara.

O trazado da liña Palencia-A Coruña, no que se incluíu a estación de San Clodio, levou 20 anos de obras a pico e pala, con centos de traballadores –homes e mulleres– chegados de distintas zonas. O percorrido definitivo obrigou a salvar pendentes fortes e incluíu un dobre paso de pontes entre Quiroga e San Clodio, atribuído tradicionalmente á influencia da familia Batanero, algo que Cao sinalou como “parte mito, parte realidade”. Parece que a familia Lamela de Quiroga non quería que o tren pasase por Quiroga, por diferentes medos relacionados coas locomotoras, mentres que a familia Batanero non puxo impedimentos á súa chegada. Non está claro se Batanero doou realmente os terreos ou se foron simplemente expropiados a un prezo superior ao do mercado. Tampouco está confirmado que existise un documento que obrigase a todos os trens a parar en San Clodio: fálase del, pero nunca apareceu nos arquivos da familia. O único certo é que a familia contaba cun acceso directo á estación e cunha habitación destinada a almacenar produtos, parte dos cales vendía aos viaxeiros, como viño ou froita.
A estación converteuse nun motor económico: máis de 30 traballadores, negocios de hospedaxe, venda de viño e froita aos pasaxeiros, exportación de produtos locais como xamón, viño, aceite e madeira. Empresarios como José Barro instalaron comercios mixtos (almacéns, banco, fabrica de chocolate ) e unha fonda pioneira, no que o hoxe é o Bar Guerra, con “auga corrente e calefacción”. San Clodio chegou a ter máis ferroviarios que veciños en barrios como Outeiro.

Non todo foron luces: ao principio houbo medo ao tren, polas chispas das locomotoras ou polos supostos riscos para a saúde e a agricultura. E tamén houbo accidentes, como o descarrilamento que derrubou unha casa no núcleo urbano, ou o impacto dun vagón na vivenda de Antonio “o taxista”, por fortuna sen vítimas.
Figuras históricas como Casares Quiroga, Bugalla, Alfonso XII ou Primo de Rivera pasaron pola estación, aínda que este último non recibiu o recibimento solemne que gozou noutras vilas. A modernización chegou en 1962 coa electrificación, pero co tempo a estación foi perdendo actividade ata quedar pechada, con só dous factores de circulación a día de hoxe, que teñen sede en San Clodio pero son itinerantes, atendendo o trazado desde Pobra de Brollón ata o límite con León.
Ao rematar, o novo cronista da noite, Anxo Castro, destacou tres cousas que máis o impresionaron: a cantidade de xente que o tren trouxo a San Clodio, o medo inicial das xentes a esta novidade, e a indiferencia das autoridades e veciños de Ribas de Sil ante a visita do ditador Primo de Rivera que viaxaba no tren, por moi importante que naquel tempo fose.
Texto e fotos cedidos.