O Concello de San Xoán de Río presenta as súas actividades para os próximos meses de estío. A programación, completa outras actividades que xa se veñen realizando durante o transcurso deste mes de xullo como pode ser a exposición de gaitas primitivas, as actividades na Casiña Azul ou campamento municipal de verán. Na axenda tamén colaboran a Asociación Río Mola, Anel e o Centro de Información á Muller (CIM) de A Pobra de Trives.
As actividades comezan mañá, sábado 25 de xullo, cunha masterclass de Bodycombat. Ao día seguinte, terá lugar a represantación de “Saaabor”, un espectáculo cómico de teatro na rúa que mestura música, maxia, humor e a participación do público co mundo da gastronomía. O encontro será as 20:00 na Praza da Igualdade.
Xa en agosto, os veciños poderán desfrutar do XI Certame Celtíbero de Bandas de Gaitas, do I Concurso de Poesía Rural San Xoán de Río, de obradoiros infantís e de xornadas gastronómicas, entre outras actividades. Finalmente, en setembro, o Concello ten programado un evento de “cociña interxeneracional” para o día 2 e unha serie de obradoiros de parentalidade positiva todos os venres do mes.
