Dende hai uns días Sanidade mantén un seguemento especial nos concellos valdeorreses da Rúa e Petín, despois dun importante brote de positivos por coronavirus, pero “a súa evolución non é mala polo que non se tomarán medidas adicionais. Seguiremos pendentes pero de momento non se lle pedirá un esforzo adicional aos veciños”. Así aseguraba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña rolda de prensa tras a reunión semanal do subcomité clínico, celebrada este venres 27 de novembro na que tamén participaba a conselleira de Polítia Social, Fabiola García.
O conselleiro tamén explicou que a situación epidemiolóxica hoxe “é un pouco mellor. Seguimos coa tendencia positiva, estable e á baixa. Seguimos mellorando aínda que hai concellos nos que seguimos pedindo un maior esforzo por parte da poboación”. Despois de avaliar cada área sanitaria, recabando información detallada, o conselleiro explicou que pasan do nivel 3 de restricións ao 2 os municipios de Toén e San Cibrao en Ourense, ademais dos de Vedra, O Pino e Mugardos (A Coruña); e Viveiro (Lugo).
Con respecto á situación en grandes municipios, García Comesaña asegurou que Ourense e Santiago presentan unha “moi boa evolución”, o que fai prever que poderán pasar a “menores restricións en canto haxa máis estabilidade” na redución dos contaxios que mostraron nos últimos días, aínda que de momento mantéñense as medidas.