Unha resolución da alcaldía de Viana do Bolo, asinada polo rexedor Abelardo Carballo con data de 11 de decembro, vén de revogar o nomeamento do concelleiro non adscrito Santiago Barja como segundo tenente de alcalde e concelleiro delegado de Política Rural.
Na resolución alúdese a un informe da Secretaría, solicitado polo BNG, e no que se sinala que, en base á xurisprudencia, “é criterio desta Secretería que debe procederse ao cesamento de Santiago Barja como segundo tenente de alcalde, membro da Xunta de Goberno Local e concelleiro delegado de Política Rural, en tanto ditos Decretos supuxeron unha mellora do seu estatus político en comparación ao que ostentaba con carácter previo ao seu pase á condición de concelleiro non adscrito. Si debe conservar os dereitos inherentes ao núcleo esencial da función representantiva”.
Ademais a resolución indica que Santiago Barja presentaba o 11 de novembro un escrito solicitando a súa baixa nos citados cargos e revoga o seu nomeamento para eles. “Voluntariamente solicitei nun escrito a miña baixa, non fun cesado, e de feito eu sigo contando coa confianza do equipo de goberno e eles coa miña. Vou seguir traballando e, se cabe, con máis ilusión que ante”, segundo explica o concelleiro Santiago Barja.
Na resolución da alcaldía tamén se designa como segundo tenente de alcalde a María Carmen Conde (anterior 3º tenente de alcalde) e como terceiro tenente de alcalde a Ramona García Méndez. Desta resolución darase conta ao pleno na primeira sesión que celebre a Corporación vianesa.
Barja xunto a Abelardo Carballo eran dous concelleiros socialistas, que tras deixar este partido, apoiaban este verán xunto aos concelleiros do PP unha moción de censura contra o alcalde nacionalista Secundino Fernández.
Dende o grupo municipal do BNG de Viana do Bolo, congratúlanse de que o Tribunal Supremo “nos dea a razón e recoñeza o carácter antidemocrático e contrario a dereito” da moción de consura e piden que demitan dos cargos de alcalde e de cocelleiro Abelardo Carballo e Santiago Barja.