En portadaÚltima horaVídeos

Santos supervisa os traballos de recuperación do Goberno de España na zona danada polos lumes en Valdeorras

A actuación en Vilamartín, a onde se desprazaba o subdelegado do Goberno, supón 453.000 euros dun total de 3M€ na comarca e está incluída nos proxectos de rexeneración dos terreos afectados polo lume de Larouco de agosto de 2025

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacaba esta mañá nunha visita a Valdeorras que “o Goberno de España continúa respondendo con axuda, acción, traballo, cooperación e investimento ante ás emerxencias”. Dicíao mentres supervisaba os labores de recuperación ambiental e reforestación financiadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en Vilamartín, acompañado pola alcaldesa deste Concello, Sherezade Núñez.

 

 

En concreto, Santos visitou actuacións incluídas na renexeración dos terreos afectados polo lume de Larouco, que se desenvolven nos Concellos da Rúa, Vilamartín, Rubiá, Petín e O Barco de Valdeorras a través de tres proxectos (Larouco I, II e III). A actuación en Vilamartín supón 453.000 euros dos 1,5 millóns de euros do total destinado á recuperación deste lume.

O subdelegado lembrou que “esta é unha das 12 actuacións que leva a cabo o Goberno en zonas afectadas polo lume en Ourense por valor de 9 millóns de euros, con obxectivo de restaurar a superficie forestal, así como a restauración de pistas forestais para vertebrar o medio”, engadiu o subdelegado. Xunto á de Larouco, o Goberno está actuar nas zonas afectadas polos lumes de Carballeda, A Mezquita, Oímbra e Chandrexa de Queixa ata sumar o total de 9 millóns de euros, dos que máis de 3 millóns destínanse a concellos da comarca de Valdeorras.

 

 

Nesta actuación inclúense labores como a eliminación da madeira queimada para facilitar a posible rexeneración natural e eliminar ou diminuír focos de infección de pragas. Doutra banda, tamén se restauran as pistas forestais, esenciais para vertebrar o medio rural, mellorando os accesos ao monte para os traballos de restauración e de prevención de futuros incendios. “A aposta pola restauración é a mellor medida para a prevención dos lumes”, finalizou Eladio Santos.

 

 

Actuacións de restauración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

Ademais, o subdelegado do Goberno en Ourense, tamén visitou as actuacións de restauración hidrolóxica que executa a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil nas inmediacións do concello, co fin de coñecer o estado das mesmas.

No caso do río Farelos están a realizarse, nunha extensión de catro quilómetros, labores habituais de conservación, retirando tapóns, árbores secas e caídas, rozas selectivas, etc. Por outra banda, no río Leira trabáballse na desembocadura, executando unha pequena escolleira nun noiro, que se está erosionando como consecuencia duns desprendementos que desviaron o fluxo de auga. O obxectivo é retirar eses materiais para recuperar a canle. Estas actuacións supoñen un investimento de máis de 120.000 euros a cargo do organismo de conca.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa de Vilamartín, Sherezade Núñez, poñía en valor as actuacións que se están a desenvolver por parte do ministerio no relativo aos núcleos de Arcos e de Valdegodos nos que “están facendo uns labores significativos que nos van axudar tanto á prevención de arrastres como a garantir a seguridade dos núcleos de poboación que están na parte da montaña máis baixa”.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Back to top button