EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Sara Fernández: “No meu pregón falarei do que significa a Festa das Covas de Vilamartín para o pobo”

Esta docente vilamartinesa será a encargada de abrir a 25 edición desta celebración na tarde do 4 de agosto en Cerdeirais

Sara Fernández López será a pregoeira da Festa das Covas de Vilamartín do 2023./ Foto cedida.

 

Lembra as covas dende meniña. Non en van na familia da vilamartinesa Sara Fernández López sempre se recorda ter cova. “Ata hai dez anos aproximadamente aínda elaborabamos viño nela, e hoxe conservamos os viñedos, pero témolos cedidos. E recordo dende sempre que o entretemento que tiña o meu avó por parte de pai era ir á cova. Do mesmo xeito que agora a partir das sete da tarde a xente ten o costume de ir o café, pois antes en Vilamartín ían as covas, constituían un punto de encontro da veciñanza”.

E precisamente desa vivencia arredor destas antigas adegas soterradas falará Sara Fernández López no pregón co que abrirá a XXV Festa das Covas de Vilamartín, na tarde do 4 de agosto. O acto está previsto a partir das 20:30h. en Cerdeirais no marco da chamada “A Pequena”, unha ruta pensada para que poidan desfrutar os coveiros que, ao día seguinte, atenderán as numerosas persoas que asistirán á Festas das Covas vilamartinesa.

Sara Fernández recibía con moita alegría a proposta que lle facían dende a Asociación de Coveiros de Vilamartín para ser a pregoeira desta edición 25ª edición da festa. “Para min é unha alegría e un gran orgullo que me teñan escollido, pero tamén unha gran responsabilidade. Entón un pouco de presión tamén sintes, sobre todo a medida que se vai achegando o día, porque lle vas falar á xente que te coñece de toda a vida”, matiza.

Confesa que non é bebedora de viño, “polo tanto diso no podo falar, pero si coñezo as covas e delas vou falar. Vexo que quizais hoxe as covas están baleiras do contido de viño que principalmente si tiñan anos atrás, e cheas de contido cultural, festivo, a xente vai alí a festexar”. Por iso adianta que no seu pregón vai abordar “o que significa esta celebración das covas para o pobo e as covas como festa”.

Sara Fernández, docente, será a segunda muller en ser pregoeira da Festa das Covas de Vilamartín, tras Silvia Rodríguez, pregoeira desta celebración no 2022.

Artigos relacionados

Back to top button