OurenseÚltima hora

Sarabela Teatro estreará o 23 de febreiro en Ourense ‘O dragón de ouro’, espectáculo sobre a inmigración

O Teatro Principal de Ourense acollerá a estrea o venres ás 20h. e repetirá funcións o sábado 24 á mesma hora e o domingo, día 25 ás 19h. Tamén se ofrecerá un pase para o público escolar

Presentación da obra ‘O Dragón de ouro’ de Sarabela Teatro.

 

Sarabela Teatro traerá ao galego por vez primeira o prestixioso dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig ao levar a escena un dos textos máis destacados do que é o autor xermano vivo máis representado a nivel internacional: O dragón de ouro. O espectáculo, cuxa estrea terá lugar no Teatro Principal de Ourense o vindeiro venres 23 de febreiro ás 20 horas, preséntase como “unha traxedia contemporánea que mestura o ton perfomático con elementos grotescos. Todo para achegarlle ao público unha fonda reflexión sobre temas esencias no debate social actual”. Así o adiantoaba esta mañá Ánxeles Cuña, directora do espectáculo, en rolda de prensa xunto ao director do Agadic, Jacobo Sutil; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Na súa intervención e tras agradecer o apoio das institucións presentes na rolda e tamén a inestimable colaboración do Goethe Institut Madrid, Cuña enxalzou a tradución realizada por Catuxa Pato, poñendo ademais o foco nos temas de calado que aborda a montaxe, que van dende a inmigración ilegal á prostitución forzada, pasando pola natureza cotiá das relacións humanas. “Este corpus temático esmiúzao Schimmelpfennig cunha clara vontade de romper moldes dende o punto de vista escénico”, dixo Ánxeles Cuña, poñendo en valor o uso intelixente do humor ao longo do texto, a suxestiva mestura coa que se combina a fantasía coa realidade e o personalísimo traballo dramatúrxico do autor, que comparou co encaixe de Camariñas polo complexo que resulta unir todos os fíos que tecen a peza.

Sarabela Teatro, que conta co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica, representará a obra tamén o sábado 24 de febreiro ás 20 horas e o domingo 25 ás 19h. As entradas para as tres funcións, enmarcadas na Rede Galega de Teatros e Auditorios, xa están á venda a través da web Ataquilla.com.

 

Presentación da nova obra de Sarabela Teatro.

 

O dragón de ouro carece dunha trama convencional, xa que se nos presenta unha rápida sucesión de escenas cun ritmo cinematográfico áxil e vertixinoso. A obra comeza a primeira hora da noite nun restaurante de comida rápida asiática, situado nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa.

Na cociña deste restaurante, chamado O dragón de ouro, un mozo chinés sofre unha forte dor de moas. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida. Xusto enriba do establecemento, un ancián quere retroceder no tempo, mentres que a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos. No piso de abaixo, un home abandonado pola súa muller, visita ao seu amigo, un tendeiro enigmático que obriga unha moza a se prostituír. Así, diferentes historias ao redor dunha mesma veciñanza sucédense en escena até chegar a un final inesperado, sorprendente e tamén poético.

Cinco intérpretes para 15 personaxes

Ánxeles Cuña Bóveda dirixe cinco intérpretes para levar á escena unha das obras máis representadas a nivel internacional do recoñecido autor xermano. Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu conforman o elenco da montaxe. Un elenco que se enfrontará a un reto escénico trepidante: encarnarán 25 personaxes diferentes nunha sucesión de 48 escenas para cruzaren 23 personaxes.

 

Asistentes á presentación da obra ‘O Dragón de ouro’ xunto ao Teatro Principal de Ourense.

 

O equipo da montaxe tamén inclúe a Iris Branco, como responsable de escenografía e vídeo arte; Laura Iturralde, ao cargo do deseño de iluminación; Ruth Díaz Pereira, que asina o vestiario; Renata Codda Font, responsable do campo sonoro, e Vadzim Yuknevich, á fronte da composición musical. Ademais, Rut Balbís encárgase do asesoramento de movemento e María Peinado, da asesoría no texto.

Tras a estrea en Ourense, O dragón de ouro xirará por diferentes escenarios galegos. O 22 de marzo visitará Negreira, o 20 de abril chegará Narón, o 27 de abril poderase ver en Celanova ou o 24 de maio en Neda. Xa no segundo trimestre, O dragón de Ouro xirará por Outes, Ribeira ou A Cañiza.

Artigos relacionados

Back to top button