SanidadeÚltima hora

“Seguiremos reclamando que se dote ao HPV e a Atención Primaria de todo aquilo que necesita”

Este mediodía tiña lugar unha nova concentración de veciños e traballadores sanitarios xunto ao Hospital do Barco "por unha sanidade digna para este distrito"

Publicidade

 

Continúan as mobilizacións en defensa “dunha sanidade digna para o Distrito Sanitario de Valdeorras”. Por segundo xoves consecutivo, ás 12h., realizábase unha concentración no exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, convocada pola Xunta de Persoal deste centro sanitario. “Imos seguir chamando a toda a poboación e aos compañeiros de traballo para seguir manifestándonos e tratar de influír e de cambiar a dirección do que se está facendo no Distrito Sanitario de Valdeorras”, dicía Víctor Pariente, presidente da Xunta de Persoal, tras a agradecer a asistencia de traballadores sanitarios e de veciños.

Na súa intervención comezaba asegurando que dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco “non se tomou en consideración as 22 prazas que dixemos a semana pasada que faltan no HPV. É máis, insisten en que a súa intención é implantar as 10 prazas que dixeron ao principio, polo tanto, non hai unha clara resposta ás demandas da cidadanía do Distrito Sanitario de Valdeorras”, incidía Pariente, quen ademais poñía como exemplo a situación do servizo de Hematoloxía, “onde só hai unha profesional. Están ofertando prazas vacantes, pero en Ourense, e cónstanos que nesta dirección de distrito saben que hai, polo menos unha profesional máis que está disposta a vir ao Barco, pero sempre e cando lle oferten un contrato de longa duración. Hai que recordar que a profesional que marchou hai uns meses foise porque non lle ofertaron un contrato máis longo de 3 meses, que lle permitise unha estabilidade laboral”.

O presidente da Xunta de Persoal do HPV explicaba que “hematoloxía ten 4 prazas e agora mesmo hai unha soa profesional que está levando todo o servizo, as gardas lévanas dende Ourense (a distancia) e o resto de gardas estáas facendo esta profesional. E si hai contratos dese tipo, de feito a reforma laboral vailles a obrigar a que a partir de xullo van a ser todos os contratos estables, ¿por que non se fai xa?”.

Pariente lanzaba outras preguntas: “¿Por que os contratos se fan para un complexo que ten máis profesionais e non se fan para o HPV? ¿por que os contratos que se asinan a nome do HPV están traballando en Ourense, por que hai xente que está traballando noutros sitios en comisión de servizo e non se cubren as súas prazas? Esa é a forma de actuar e de desprazar á poboación do Distrito Sanitario de Valdeorras”, engadía, “esa é a realidade, hoxe é hematoloxía, pero o outro día comentabamos o de Medicina Interna e esta é unha situación que se está dando en todos os servizos, nos 22 postos vacantes que hai no hospital e esta situación débea coñecer a cidadanía”.

Este é o motivo, insistía Víctor Pariente, “polo que volvemos estar aquí concentrándonos e reclamando unha sanidade digna para o Distrito Sanitario de Valdeorras, nin máis nin menos do que tiñamos hai 11 anos. Hai médicos que queren vir e non se lle dá a oportunide de vir por non estabilizar as prazas e por non ver o problema do hospital como un problema do conxunto dos servizos do hospital, por iso seguiremos reclamando que se dote ao hospital e a Atención Primaria de todo aquilo que necesita”.

Finalmente, outro membro da Xunta de Persoal, Suso Vilasánchez, referíase á información difundida onte polo Sergas sobre a creación de 21 prazas en Atención Primaria na Área Sanitaria Ourensá. “Non hai ningunha praza nova, son todas prazas vellas que estaban sen cubrir e pretenden cubrir cuns contratos que dan medo, ¿quen vai querer vir?”.

Entre os asistentes á concentración estaban concelleiros do Barco e da Rúa, así como o deputado provincial Aurentino Alonso e a deputada galega María Albert.

Artigos relacionados

Back to top button