CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Segunda Conversa de Verán 2025 na praia fluvial de San Clodio

 

O 23 de xullo celebrouse a segunda Conversa de Verán 2025, no exterior da aula de pesca da praia fluvial de San Clodio. Nesta ocasión, máis de 60 persoas xuntáronse arredor do mestre Manuel Cao para compartir lembranzas, reflexións e anécdotas sobre feitos acontecidos na praia fluvial.

 

 

Foto 1. Conversa sobre a praia fluvial o 23 de xullo

A conversa estivo guiada por Roberto Vila García, do Nocedo, profesor en Dubai (Emiratos Árabes Unidos), quen lanzou preguntas que abriron o diálogo co profesor Cao e co público. Durante unha hora, os asistentes escoitaron, interviñeron e fixeron preguntas nun ambiente participativo e acolledor.

A memoria xeolóxica do espazo

A conversa comezou falando do espazo. Cao contou que, na memoria popular, sempre se dixo que antigamente en San Clodio houbo un lago, e que del quedarían as pedras. A sabedoría popular, sen sabelo, referíase a unha terraza de inundación situada nun val amplo formado polos ríos Sil e Quiroga. No val aínda se conservan marcas moi claras que indican ata onde chegou o río noutros tempos, antes de baixar de nivel pola erosión. A ciencia parece confirmar que vales como o de Quiroga ou o de Lemos puideron ser, noutro tempo, lacustres.

Os primeiros restos que amosan presenza humana neste val son machados aparecidos na Veiga, datados entre 400.000 e 350.000 anos. Nas mesmas pedras dos ríos, os nosos antepasados atoparon e empregaron esas ferramentas, que Cao puido ver directamente.

O río humanizado

O río sempre estivo amplamente humanizado. A praia fluvial foi, e segue sendo, lugar de lecer, especialmente na coñecida praia da Pena da Mula e noutras zonas, pero tamén serviu como pasto para o gando. Moitos nomes que se lle deron a puntos concretos do río revelan o bo coñecemento que os antigos tiñan del:

  • O Roxío, onde o río “roxía” en determinadas épocas.
  • A Ola, preto da casa do Curre.
  • A Pena da Mula, pola forma da pedra no medio do río.
  • Os Cachos, pola forza e velocidade da corrente.
  • A Pedra Raxa Barrigas, ao final dos Cachos, temida polo seu perigo.
  • A Pena da Barca, onde se ataba a barca para cruzar o río antes de que houbese pontes.
  • A Pena Fendida, entre outros topónimos.

 

Foto 2. A Pena da Mula descuberta polo baixo nivel do Río Sil, na praia fluvial de San Clodio

Antes da construción das pontes, núcleos como A Barca, en Ribas de Sil, e enfronte, a Barca de Mancebique, en Quiroga, marcaban puntos de paso para os veciños e para comerciantes como os maragatos. Esta barca estaba autorizada polo mosteiro de San Clodio, que recibía un tributo polo seu uso. Máis tarde tamén houbo un barqueiro coñecido, Xan de Outeiro, en Ricobao.

A ponte vella de 1883

Chegou o momento de construír unha ponte cando San Clodio quixo unirse con Quiroga, cabeza do partido xudicial. Houbo varios proxectos, e en 1883 aceptouse o de Pelayo Mancebo, o mesmo arquitecto que deseñou a ponte internacional de Tui e algunha outra que acabou caendo en Portugal. O lugar elixido foi onde xa existía unha zapata dun intento anterior. O promotor da obra foi Vicente Quiroga, da Casa Lamela, que chegara a ser ministro de Fomento. A ponte custou 300.000 pesetas, ás que se sumaron outras 300.000 para a parte metálica, con pezas chegadas desde Asturias.

 

Foto 3. Representación da ponte vella de Javier Rodríguez Sotuela

 

Os piares da ponte chegan a 11 metros por debaixo do leito do río. Para a súa construción empregouse a técnica —moi perigosa na época— da campa neumática desenvolvida por Eiffel. Deste feito procede un erro común que atribúe a ponte de San Clodio a Gustave Eiffel, algo que non é certo, aínda que si se utilizaron os seus métodos de enxeñaría. Na obra traballaron mozos moi novos como pinches, e, segundo indicou Cao, algúns deles tiñan netos presentes entre o público da conversa.

Na ponte vella tivo lugar, nos días seguintes ao 18 de xullo —data do golpe de Estado de 1936—, unha das poucas defensas da República en Galicia, xunto coas de Ferrol e Ribas de Sil, para manter o Estado de Dereito. Un episodio de grande relevancia histórica que será obxecto doutra conversa futura.

A ponte nova (1970-1975)

En relación coa ponte nova, xa non eran netos os presentes, senón persoas que traballaran directamente na súa construción e que achegaron valiosas testemuñas aos asistentes. Entre elas estaba Antonio Vila, que participou nas obras. As obras realizáronse entre 1970 e 1975; durante ese tempo a estrutura caeu dúas veces, e nunha delas Cao estaba a nadar moi preto.

 

 

Foto 4. A ponte nova que une Ricobao (Quiroga) coa Veiga (Ribas de Sil), construida na primeira metade da década dos setenta do século pasado

En 1975 xa se podía cruzar a pé. Era unha ponte de formigón, non especialmente complicada de facer, mais a empresa construtora mostrou pouco coidado, tanto cos traballadores —chegando a darlles roupa usada— como coa propia obra. Hoxe, despois dalgunhas diferenzas administrativas, sábese que a ponte é propiedade da Deputación de Lugo.

Accidentes aéreos en San Clodio

Para rematar, falouse de accidentes aéreos. San Clodio, para non ter aeroporto, foi escenario de dous sinistros no século XX. Un deles, xa ben coñecido, tivo lugar en 1933, cando morreu un dos Batanero. O outro, máis descoñecido, produciuse o 28 de xullo de 1926 na praia fluvial.

Naquel día, sobrevoaban os ceos de San Clodio seis avións en prácticas. Un deles caeu no Pedregal, preto do lugar onde hoxe está a ponte nova. Tentou aterrar no campo do Batanero, botou fume como aviso, e acabou impactando contra as pedras sen causar vítimas. O piloto, Ernesto Gómez de Arce, cruzouse cun cable eléctrico que viña da Rodela.

A sorpresa da conversa chegou cando Manuel Cao, como se observa na fotografía, sacou dunha bolsa de plástico un fragmento da hélice do avión sinistrado, conservado ata hoxe como testemuña material daquela historia.

 

Foto 5. Manuel Cao mostra a Roberto Vila, que conducía a conversa, una hélice do avión siniestrada en 1926

 

Os notarios da conversa

Contamos tamén coa presenza de Héctor e Rodrigo González, estudantes de Educación Secundaria, que participaron como novos notarios do evento. Ambos manifestaron que nin se lles pasara pola cabeza que algún día puidese haber un accidente aéreo no río, e moito menos que para conseguir facer a ponte nova, que cruzan cada día para ir ao instituto, se tivese que pasar por dous derrubes. Estiveron moi atentos a todo o que se comentou e recolleron o que lles pareceu máis sorprendente ou significativo.

O concelleiro de Educación e Cultura de Ribas de Sil, logo de agradecer a presenza e as intervencións, anunciou a próxima cita: será o 22 de agosto, para falar da familia Batanero en relación con San Clodio. Ali estamos todos e todas convocados.

Fotos: Concello de Ribas de Sil.

Back to top button