Para o establecemento comercial Costuritas, do Barco, esta pandemia tamén trouxo consecuencias. Así, as mascarillas están a abrirse mercado entre moitísimos sectores, pero as que están feitas a man no comercio local sempre teñen un punto a favor.

A súa xerente, Silvia Pérez, explica que non comezou a confeccionalas polas ganancias, senón porque “a xente viña a preguntarme e ao final animeime”. As mascarillas de Costuritas están feitas e confeccionadas a man, “aquí fánse as cousas con cariño e sábese moi ben o que se traballa, vendo o que eu uso e básome no que sae no BOE, todos os materiais están homologados e son sostibles”, afirma a xerente.
Así, hai modelos para nenos e para adultos, con tres tamaños diferentes para cada un deles. “Para nenos estamos vendendo moito, a verdade é que o están levando xenial e eu admíroos moito”, recoñece. Ademais, nestes modelos de nenos as tallas abarcan dende os cinco anos ata a adolescencia.
Silvia Pérez recoñece os bos resultados que está acadando na venda deste produto, “xa que a xente acaba voltando a por máis, e iso é porque lles gustan e lles resultan cómodas. Eu sempre digo, aínda que teñas unha estética, o máis importante é a protección”.

Ademais, estas mascarillas tamén se poden encargar, “os clientes pídenme segundo os tecidos que vou recibindo”, afirma. Sen embargo, a novidade son os modelos de cerimonia, “mediante unha foto dos traxes, complementos, cor da roupa… Os clientes pídenme consello e eu voulles dicindo”. Así, Costuritas tamén realiza mascarillas a xogo co seu bolso, con modelos de encaixe, raso, pedrería…
Moitos dos seus encargos foron para establecementos da vila, “fixen para persoal de floristerías, perruquerías, e ata para peixarías”. Sen embargo, todas as mascarillas son con estampados, xa que “non me dedico á serigrafía, porque sería quitarlle campo a alguén que se dedica a iso”.
Costuritas non ten tenda online, xa que a súa xerente afirma que “a min gústame o trato cercano, tratar co cliente directamente, sobre todo no tema mascarillas”. Se embargo, as persoas que estean interesadas poden ver diversos modelos na súa páxina de Facebook.
Imaxes: Alba Prada.