
Máis alá da súa faceta como bailarina, á fronte da Academia de Danza Bayadère con sede no Barco de Valdeorras, no seu tempo libre Nuria Reguera ten unha afección tan especial como bonita e curiosa, a de mermaiding ou sirenismo, unha disciplina acuática e deportiva na que se nada baixo a auga utilizando unha monoaleta e unha cola de sirena ou tritón. Combina técnicas de apnea (mergullo libre), natación con movemento de golfiño e nado sincronizado, esixindo control físico e expresión artística.


Toda unha arte coa que xa sorprendía o ano pasado, chegando á final (entre as cinco finalistas) do V Encontro Nacional de Sereas e Tritóns celebrado en ‘Aqua Natura Benidorm’. Este ano dá un paso de xigante sendo seleccionada para participar na I Copa do Mundo CMAS (Confederación Mundial de Actividades Subacuáticas) ou The First Mermaid World Cup que se celebrará do 25 ao 31 de agosto en Hainan (China), en representación de C.D. Nordeste. “Ao ser unha disciplina nova celébrase como Copa na que se representa a un Club”, explica Nuria, adiantando que na seguinte xa se representará a un país. “Se vou eu, representaría a España e xa sería un campionato do mundo”, di emocionada e nerviosa a partes iguais, pouco antes de coller o voo rumbo a Oriente.

Fotos cedidas.