En portadaÚltima horaVídeos

Situación 2 no incendio de Riodolas (Carballeda) pola proximidade do lume a núcleos de poboación

O lume aproximouse a Candeda, pero tamén está moi preto de Alixo (O Barco)

A Consellería do Medio Rural vén de solicitar como medida preventiva a Situación 2 en senllos incendios activos arestora nos concellos de Carballeda de Valdeorras e Folgoso do Courel.

Carballeda de Valdeorras

Canto ao incendio de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que se vén de reactivar por mor dun cambio de vento, a Situación 2 como medida preventiva solicítase pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda. Este incendio afecta unha superficie estimada de 1.100 hectáreas provisionais, segundo as últimas estimacións.

Este incendio forestal orixinárase ás 22,09 h. do xoves. No seu control levan participado en total 6 técnicos, 24 axentes, 57 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 4 avións e 6 helicópteros.

Polo que puido saber este periódico, o lume, que avanza a gran velocidade, chegou tamén ao núcleo de Alixo (O Barco), arrasando colmeares próximos ao pobo. No lugar no intre de escribir estas liñas, segundo os veciños, non había ningún medio de extinción nin de emerxencias. A Garda Civil chegaba ás catro e media da tarde, cando xa practicamente todos os veciños abandoaban o lugar.

 

 

Folgoso do Courel

No caso de Folgoso de Courel, a nova Situación 2 como medida preventiva solicítase no incendio forestal activo arestora na parroquia de Vilamor e que rolda as 500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Parada de Montes.

Este incendio permanece activo desde o xoves ás 20,25 h. da tarde. No seu control traballaron ata o momento 1 técnico, 21 axentes, 27 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 7 helicópteros.

Cabe lembrar que continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 noutro incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. do xoves e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais.

Tamén hai Situación 2 polo lume orixinado na parroquia de Seceda, tamén en Folgoso do Courel, ás 1,40 h. do venres e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. Así mesmo, está declarada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa, que permanece activo desde as 20,37 h. do xoves e afecta unha superficie provisional de 600 hectáreas.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button