O Concello de Sober vén de convocar un concurso para o deseño dun logotipo que servirá para identificar e promocionar ao municipio. “O logotipo debe recoller a esencia do municipio tendo en conta os seus sinais de identidade: os seus recursos naturais e turísticos, as peculiaridades dos seus sectores produtivos e os seus valores culturais”, informan dende o Concello, que establecerá un premio económico de 500 euros dirixido á persoa responsable do deseño do logotipo que o xurado determine como gañador.
En concreto, o logo debe representar un ou varios valores significativas do Concello de Sober (viño, música, olería de Gundivós, Canón do Sil, románico, rosca….). Tamén se valorará a creatividade e a claridade da obra que facilite o seu rápido recoñecemento e contribúa a establecer unha rápida identificación co municipio. Polo tanto, o deseño debe incluír a palabra SOBER.
A obra debe ser orixinal e inédita e así o debe expresar o autor ou autora certificando que o deseño é propio e que non se infrinxiron os dereitos de autor de terceiras persoas. Ningún deseño poderá conter firmas nin levar sinais de identidade que identifiquen ou permitan coñecer a identidade do autor ou autora. O logo será usado polo Concello como complementario ou substituto do escudo municipal, segundo se establece nas bases do concurso.
O deseño terá unha disposición horizontal ou vertical e, se é en cor, deberá ir acompañado dunha versión monocroma (branco e negro ou escala de grises) que posibilite a súa reprodución nunha tinta.
Inscricións
A inscrición é gratuíta e aberta a todas aquelas persoas que desexen participar, independentemente da súa idade, nacionalidade ou lugar de residencia. Cada participante poderá achegar o número de deseños que considere.
O prazo de recepción das propostas a concurso remata o luns 30 de xuño e deberán ser remitidas a través do enderezo electrónico prensa@concellodesober.com acompañadas dos datos persoais: nome e apelidos, domicilio, teléfono de contacto, enderezo de correo electrónico e fotocopia do DNI.
Fallo do xurado
O xurado, formado por 3 persoas relacionadas co mundo do deseño e un representante do Concello que actuará como secretario pero sen voto, determinará o deseño gañador atendendo aos criterios de adecuación á temática (representatividade do municipio e creación dunha marca que identifique a Sober), creatividade e claridade da obra.
O fallo, que será inapelable, darase a coñecer ao longo do mes de xullo de 2020 e será previamente comunicado á persoa gañadora.
As bases deste concurso poderán consultarse nas redes sociais do Concello de Sober e na súa web www.concellodesober.com