EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Sober presenta o cartel e o programa da Feira do Viño de Amandi

Publicidade
Esta mostra, na que participarán 24 adegas, celebrarase os días 13 e 14 de abril e terá como limiar un variado e amplo conxunto de actividades no “Mes do Amandi”

No marco da fermosa paisaxe de viñedos que rodea ao Miradoiro de Soutochao en Doade (Sober, Lugo) dábase a coñecer na mañá do 16 de marzo o cartel promocional e o programa da XXXIX Feira do Viño de Amandi, así o como do seu “Mes de Amandi”. “Este é un dos lugares espectaculares e máxicos que ten Sober”, dicía o seu alcalde, Luis Fernández Guitián, ao inicio do acto, que contaba coa presenza, entre outras persoas, de adegueiros, viticultores e do autor do cartel da mostra, Rodrigo Coucheiro.

Fernández Guitián resaltaba que este vai ser un ano especial para o certame “porque por primeira vez estamos nun territorio BIC, un logro absolutamente fantástico no que todos somos partícipes”, ademais resaltaba que en abril decidirise se finalmente a Ribeira Sacra opta a ser candidata a Patrimonio da Humanidade.

A partir de aí o rexedor desglosaba o programa de actos desta mostra vitivinícola, que se celebrará os días 13 e 14 de abril e que terá como limiar un completo “Mes de Amandi”, cheo de propostas moi diferentes e algunhas delas novidosas, como é o caso das I Xornadas Ornitolóxicas, o 23 de marzo, con actividades teóricas no Centro Sociocultural de Sober e prácticas no Canón do Sil. Estará organizada polo GDR Ribeira Sacra-Caurel e a súa inscrición é gratuíta.

Haberá actuacións musicais como un concerto do grupo de saxofóns do Conservatorio de Ourense (día 23 de marzo) e outro da Banda Nova de Allariz (30 de marzo), unha xornada de maridaxe de viño de Amandi coa IXP Faba de Lourenzá o 28 de marzo na Escola de Hostalaría de Rosende, exposicións como “Viña Sacra” de fotografía, visitas didácticas a viñedos e a patrimonio románico da zona, a presentación do libro “O alén dos barqueiros” (Editorial Fanes) de Anxo Muíños e Humberto Loureiro o 3 de abril, o Iº Concurso de Sumilleres o 4 de abril, unha xornada técnica da Evega o 9 de abril adicada a “Retos e innovacións. Os viños rosados  en Galicia”, etc.

Este programa culminará na fin de semana do 13 e 14 de abril coa XXXIX Feira do Viño de Amandi, cuxo acto inaugural está previsto para as 12h. do sábado 13 a cargo da Adega Don Bernardino en lembranza do seu fundador, falecido hai uns meses. Na mostra partiparán 24 adegas: A Carqueixa, Algueira, Barbado, Cividade, Cruceiro, Don Bernardino, Estrela, Finca Cuarta, Guímaro, Gullufre, Lucenza, Malvacada, Marcelino I, Naz, Petrón, Proencia, Rectoral de Amandi, Rectoral de Gundivós, Regina Viarum, Tear, Viña Frieira, Val da Lenda, Viña Cazoga e Viña Peón. Neste edición o concello convidado será O Saviñao.

O programa incluirá unha cata oficial dos viños  da feira (con tres premios para os mellores tintos, outro para o mellor branco e outro galardón para o mellor viño en barrica doutras añadas), así como numerosas actuacións musicais (entre as que non faltará a da Banda Música de Sober), demostracións de talla con motoserra, concursos, e por suposto, o pregón, nesta ocasión a cargo da fadista María do Ceo o 14 de abril. Ademais esta cantante ofrecerá un concerto gratuíto o día anterior ás 20h. no Auditorio do Centro Sociocultural de Sober.

O cartel da feira

Nesta presentación tamén se descubría a imaxe promocional da XXXIX Feira do Viño de Amandi, obra de Rodrigo Coucheiro Limeres, natural de Vigo pero “monfortino de adopción”. A súa imaxe foi escollida polo xurado do concurso entre os 51 traballos presentados. Ademais, o xurado concendía accésit ás obras presentadas polo valdeorrés Luis Enrique Núñez de Viloira (O Barco), por Carlos Gallego de Barcelona, polo barquense Víctor Miranda e por Celso Cuñarro da Coruña.

Rodrigo Coucheiro explicaba que á hora de crear este cartel inspirouse nas paisaxes e nos sabores da Ribeira Sacra e que apostou por “algo moi sinxelo, colorido e que chame a atención”. O acto de presentación remataba cunha degustación de viños de Amandi, acompañados de produtos da zona.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button