DeportesÚltima hora

Sober recupera a marcha en BTT ‘Santa Cruz Bike’ que se celebrará o día 3 de setembro

Percorrerá 40 km dun itinerario circular polo municipio lucense

 

O Concello de Sober colabora con Biciracing e Club Ciclista Ribeira Sacra na celebración da marcha ciclista de bicicleta de montaña ‘Santa Cruz Bike 2023’ que se vai celebrar o día 3 de setembro. Tamén colaboran co evento a Comisión de Festas de Santa Cruz de Brosmos, Calambuco, Spiuk e Adega Don Bernardino.

A marcha, que non se celebra desde o ano 2015, percorrerá preto de 40 quilómetros polo Concello de Sober nunha ruta circular que partirá de Santa Cruz de Brosmos ás 9:30 horas. Tras un percorrido polo municipio, volverá ao mesmo punto de saída arredor das dúas e media da tarde.

 

 

Trátase dun circuíto pechado que atravesará zonas de viñas e espazos de gran valor paisaxístico. Habilitarse zona de limpeza de bicicletas, duchas e acampada.

Poden participar ata 150 persoas maiores de idade tras o pago das taxas, de 15 euros. Os menores de idade maiores de 15 anos deben poñerse en contacto coa organización para participar. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico biciracing@gmail.com ou no teléfono 622 32 04 51.

 

 

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, invita aos amantes das bicicletas a participar nesta marcha que na súa última edición cubriu todas as prazas e nas que poderás gozar “dunhas vistas únicas do noso Concello”.

Artigos relacionados

Back to top button