Un ano máis e xa van once, a Asociación Cultural Fulión organiza en colaboración co Concello un programa especial para a súa Feira Medieval de Sobrado de Trives coa que recrean a anexión do Foral de Sobrado e do seu mosteiro á Coroa de Felipe II e que se está a celebrar na xornada deste sábado 3 de agosto.
Aínda que o mercado abría xa ás 11 horas con artesanía, doces e produtos típicos da zona, os actos comezaban de tarde coa reunión de damas e cabaleiros na praza do pobo, seguida do desfile de bandeiras e traspaso de reinado, ata chegar ao acto de coronación e pregón da raíña.
Ás 21 horas o rei ofrecerá unha cea (20 euros adultos e 12 euros nenos maiores de 12 anos) e xa pola noite, ás 23 horas, levarase a cabo a representación teatral da Sentencia da Santa Inquisición e a Queima da Bruxa. Realizarase un xuízo e, trala fuxida da bruxa, os veciños percorrerán o pobo facendo ruído ata atopala. O broche á Feira Medieval de Sobrado de Trives que ten xa o seu oco no calendario de festexos de verán na provincia, poráo a música da Discomóbil DMO a partir da unha da madrugada.
Fotos e vídeos cedidos.