CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Sonia Garrido abre as portas da súa “Aperta Academia”, na Rúa

Está situada na rúa Miguel de Cervantes Nº 20 para alumnos de Infantil, Primaria e Secundaria

 

Máis alá da súa formación en Maxisterio e Pedagoxía, sempre lle gustou traballar cos rapaces. “Estiven seis anos traballando nun centro de menores e aí dinme conta que os cativos eran o meu así que despois de pasar por outro ámbito (Axuda a Domicilio) botábao de menos e decidín volver ao meu sector e cos pequenos”, conta Sonia Garrido Rodríguez, natural de Buxán (O Bolo).

Así nacía “Aperta Academia”, un novo espazo lúdico-formativo que vén de abrir as portas no Nº 20 da rúa Miguel de Cervantes, na Rúa. A inauguración tiña lugar o pasado venres día 6 de outubro pero non era ata o este luns día 9 cando abría ao público.

 

Sonia Garrido na Aperta Academia.

 

Nun baixo luminoso e acolledor, de catro a oito da tarde (as clases son de unha hora de duración) Sonia recibe aos seus alumnos. Nenos e nenas que acuden a ela para estudar (reforzo educativo para Educación Primaria e Secundaria) ou participar nalgunha das actividades que ten preparadas, especialmente con talleres de inglés para Educación Infantil (xogos de interacción, manualidades, recursos audiovisuais, contacontos,…).

 

 

“Este é un espazo para que os rapaces aprendan pero que tamén se divirtan. Onde se atopen a gusto e poidan interactuar entre si”, di Sonia, recoñecendo que o seu obxectivo é que aprendan “intentando que as actividades sexan o máis lúdicas posible ao tempo que adquiren coñecementos das diferentes materias”. A máis solicitada de momento é a de inglés, pero tamén matemáticas ou calquera outra.

 

Rincón de pensar.

 

O sistema de clases é por grupos reducidos (5-6 máximo) dependendo do nivel e intentando  agrupalos por idades. Atención personalizada cando sexa necesario, uso das novas tecnoloxías e unha aprendizaxe creativa, completan a oferta desta academia que tiña moi boa acollida por parte da poboación.

Máis información: apertacademia@gmail.com.

 

Sonia cun dos seus primeiros alumnos.

 

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as catro últimas da galería que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button