CulturaCulturaÚltima hora

Sonia Moral: “Este libro comezou como unha terapia para activarlle a mente ao meu pai, natural de Soulecín (O Barco)”

A autora de "La tableta de chocolate" presentará este volume, que recolle a tractoria vital do seu pai ata a emigración, o vindeiro 11 de xullo na Aira do Fondo de Soulecín

 

“Escribir para min é descubrir á familia, por iso me chaman tanto a atención as raíces, grazas aos nosos antepasados estamos aquí”. Sonia Moral Álvarez, nacida en Guimaras (Piñor) pero de orixe valdeorresa, decábase disto cando preparaba o seu primeiro libro, “Risas e farras cas cantigas da avoa”, que vía á luz no 2008. “Era unha recompilación de cantigas populares que complementei cun texto para explicar como foi a vida dos nosos maiores, a súa nenez, como eran os fiadeiros…”. Logo, no 2010-2011, seguiu tirando do novelo da memoria cunha biografía duns pulpeiros do Carballiño e, no pasado xaneiro, publicaba “Los trillizos de Astureses”.

O proceso de elaboración deste último traballo coincidía coa preparación doutro libro marcadamente persoal e moi especial, que nacía case a modo de terapia para axudar ao seu pai, natural de Soulecín (O Barco), afectado por unha demencia vascular. “Víao tan mal, que decidín facer algo para activarlle a mente e evitar que seguira perdendo. Entón propúxenlle escribir sobre a súa infancia, xa que eran as lembranzas que a enfermidade non lle levara. El aceptou e por aí empezamos”, recorda Sonia Moral. E así comezaba a xestarse “La tableta de chocolate. Una vida de resistencia”, que, tras cinco anos de entrevistas, labor de investigación e escrita, vén de saír do prelo e presentarase o vindeiro 11 de xullo ás 19h. na Aira do Fondo de Soulecín, un lugar con fondo significado para a autora.

Sonia comezaba contactando cos amigos da infancia do seu pai, coñecido en Soulecín como Paro: Lalo e Samuel. “Fixemos unha entrevista con eles e xa vin, que se sentía ben, importante”, conta. Despois viñeron moitas máis, ademais de viaxes a diferentes lugares que marcaron a súa traxectoria vital ata a emigración a Alemaña, momento no que remata o libro.

Nesa volta atrás e nese achegamento á figura do seu pai, Sonia Moral descubría moitos detalles e feitos totalmente descoñecidos para ela. Xurdían encontros e reencontros e diversas colaboracións, moitas inesperadas, de persoas que, dun xeito ou outro, lle foron axudando a recompoñer e escribir a andaina vital do seu pai. Unha delas é o investigador Santiago Macías, que a acompañará na presentación o sábado en Soulecín.

 

 

Entre os feitos que descubría estaban os da posguerra en Soulecín e co mundo dos guerrilleiros. “Un día pregunteille cal era o recordo da súa vida que nunca esquecería e respondeume: Cando entraban os gardas a inspeccionar a nosa casa… Iso sorprendeume e insistín en por que ían entrar os gardas en casa. E contestou: Porque era sospeitosa polos escapados. Aí foi cando empecei a investigar sobre ese mundo e din cos fillos das dúas guerrilleiras de Soulecín que estaban en Francia, agora xa falecidos, pero que me axudaron moitísimo”, resalta Moral.

Cústalle cualificar o libro. Matiza que conta a historia real do seu pai, pero dun xeito novelado para achegarlla mellor ao lector. “O punto de partida é unha descrición, como se fora unha biografía autorizada, do meu pai e, aínda que son eu quen escribe, o protagonista é el. E todo o que se conta no volume, dende a primeira á última páxia, é real. E a súa historia, pero tamén a do noso pobo e a das aldeas de arredor, pasa por todo os escenarios que o marcaron, dentro e fóra da comarca, xa que zonas como Cea ou a do Mosteiro de Oseira vírono medrar e traballar, tamén Matalavilla, onde traballou na construción do pantano… Todas esas historias aparecen no libro, no que tamén plasmei os oficios e traballos antigos que el lembraba como cando a avoa cardaba a la ou o proceso do loño, como se facía o xabón caseiro… E, aínda que se fale do pai, eu creo que calquera persoa pode identificarse co protagonista. Ademais está escrito con moitísimo respecto, pode ser que conte cousas que non lle guste lelas á xente, pero que, queiramos ou non, forman parte das nosas raíces”.

O libro conclúe cun epílogo no que se desvelan certas cuestións, entre elas o motivo do título “La tableta de chocolate”, algo que Sonia Moral prefire no revelar para que sexa o lector quen o descubra cando chegue a esas páxinas.

Cinco anos despois daquela iniciativa de pescudar na infancia paterna, o libro é unha realidade. “O meu pai faleceu hai dous meses, e aínda que puiden lerlle partes do libro, que rematamos en decembro, non vai poder estar na presentación, algo que lle ilusionaba moito”. Pero está convencida de con esa presentación vai completar o ciclo deste proxecto “que tanto lle valeu a meu pai. Síntome triste polo seu falecemento, pero tamén contenta por todo o que fixen xunto a el, este libro foi unha terapia para o meu pai e un achegamento para min. O que nunca imaxinei é que empecei por el e ía acaba por min”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button