CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Sr. Jingles pon a guinda musical ás ‘Noites de Florencio’ en Córgomo (Vilamartín)

A banda liderada polo barquense Ramiro Núñez actuará mañá ás 22:30 horas

Sr. Jingles na gala do III Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, en Córgomo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

As ‘Noites de Florencio’ baixan o panbo na última fin de semana de agosto de novo con programa dobre, comezando mañá, venres 26, ás 22:30 horas cun concerto de Sr. Jingles na Aira das Guerras de Córgomo.

“Musicar un poema é como pintar sobre un cadro, hai que escoller ben as cores para representar a esencia do que sentía o autor”. Así describe Ramiro Núñez, compositor e intérprete de Sr. Jingles, o proceso polo que conseguiu converter en música os versos de Valdeorras, Aí ven o maio ou Casoiro. Chegou a eles por encargo pero asegura sentirse moi identificado pola maneira na que Florencio representa a comarca. “Se pensamos na época na que Florencio viviu en Valdeorras é facil imaxinala en branco e negro polas fotos antigas pero para min estes versos están cheos de cor e quero que tamén a música recolla esa ledicia na paisaxe, nas estacións… por iso o ritmo áxil do pop lle encaixa tan ben”, explica o músico barquense, quen recoñece que apenas coñecía a obra de Florencio antes de poñerse a facer versións dos poemas.

E non serán so esas cancións as que ofrecerá o venres en Córgomo xa que no seu repertorio incluirá temas do seu disco El Grito Wilhelm así como outros temas inéditos que formarán parte dun novo álbum que gravará este inverno. No escenario estará novamente acompañado polo tamén músico ourensán David Quintas.

 

 

A última cita das ‘Noites de Florencio’ adianta o seu horario para achegarse a tódolos públicos e farase na aldea de Cernego, onde ademais están de festas esta fin de semana. O sábado 27 de agosto ás 18:30 horas comezará unha actividade coordinada por Jorge Moral e Débora Álvarez e coa que pretende implicar á xuventude da vila para que tamén coñezan a vida e obra do seu veciño de Córgomo. ‘Atopa a Florencio’ é un xogo de pistas para todos os públicos para o que se conta coa colaboración da Asociación de Veciños, que mobilizará aos 18 nenos e nenas que hai na vila, se ben a participación está aberta a calquera que queira achegarse sen necesidade de inscripción previa.

A aldea natal de Florencio foi durante estes dous meses o epicentro cultural das Letras Galegas con contadas, humor, teatro e poesía, e non so alí, xa que a programación cultural incluíu tamén poesía na Portela e Vilamartín, teatro en Arcos, cine en Valencia e Arnado, e finalizará cun xogo de pistas para todos os públicos en Cernego. En total, catorce citas culturais con más de vinte artistas e que foron posibles co apoio da Consellería de Cultura.

Coa actividade en Cernego péchase unha programación cultural pola que teñen pasado centos de persoas e axentes culturais da comarca, Santiago, Barcelona, Coruña, Vigo… pero non se pecha o ano de Florencio. De feito as Letras Galegas seguen e o domingo 28 coa publicación dun novo capítulo de Florencio, o podcast que guioniza e produce o axitador cultural valdeorrés Jorge Moral. Como cada mes, o capítulo publicarase de forma simultánea na páxina das Letras de Florencio, nas redes sociais do proxecto e nas plataformas Spotify e Ivoox, onde se poden atopar todos os realizados ata o momento.

Artigos relacionados

Back to top button