CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Sr. Jingles pon música aos versos máis valdeorreses de Florencio Delgado Gurriarán

Ramiro Núñez e David Quintas actuaron no Barco, no marco da homenaxe de CLUN (Cooperativa Lácteas Unidas) ao poeta de Córgomo

 

Os poemas de Florencio Delgado Gurriarán musicados non podían faltar no extenso e completo programa que estes días está a vivir Valdeorras con motivo das Letras Galegas 2022 adicadas ao poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Por iso na tarde deste luns, 16 de maio, véspera do acto central, a praza Andrés de Prada do Barco acollía unha actuación de Sr. Jingles, o músico barquense Ramiro Núñez acompañado por David Quintas.

No marco da homenaxe organizada pola Cooperativa Lácteas Unidas (Clun) a Florencio Delgado Gurriarán e diante dun entregado público entre o que figuraban as fillas de Florencio chegadas dende México na fin de semana, Sr. Jingles interpretaba tres dos poemas de Florencio aos que puxo música: Aí vén o maio, Casoiro e Valdeorras. “Fíxenas con todo o cariño polo que espero que lles gusten” dixo Ramiro, dirixíndose á familia do poeta antes de comezar a actuación, asegurando que “é un verdadeiro pracer ter a oportunidade de actuar diante dela”.

 

 

Antes do concerto, o acto no que se repartían cartóns de leite Feiraco de balde aos transeúntes, contaba coa presenza de Ricardo Gurriarán, autor da biografía Florencio Delgado Gurriarán, vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista; do director xeral de CLUN, Juan Gallastegui, quen explicou que unha das marcas da cooperativa lanza unha edición especial de bricks de leite coa imaxe do homenaxeado polas Letras Galegas “nunha aposta pola cultura e o patrimonio galegos”. Tamén estaban a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o alcalde do Barco, Alfredo García.

 

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button