Co fin de coñecer sobre o terreo a historia e tradición vitivinícola de Monterrei, un grupo de xornalistas e sumilleres peruanos visitaban o 9 de maio esta denominación de orixe. Tamén descubrían as súas características de solo e clima, ademais das variedades de uva e tipoloxías de viños. Ademais achegábanse ata o C.R.D.O. Monterrei, onde eran recibidos polos técnicos do consello, e despois visitaban algúns dos lagares rupestres da comarca (a zona de Galicia coa maior concentración destas estruturas).
Entre los participantes nesta viaxe estaban Soledad Marroquín (conselleira editorial e redactora da revista Sommelier), Joseph Ruiz Acosta (tres veces mellor sumiller de Perú e un dos 50 mellores do mundo), Helbert Reyna (sumiller do restaurante Central de Lima, que ostenta o recoñecemento de ser o segundo mellor restaurante de Sudamérica e o sexto do mundo) e Katty Tito, hosteleira.
“Trátase dunha misión inversa que nos permitiu dar a coñecer o noso territorio, viñedos, peculiaridades edafoclimáticas e amosar, da man do director técnico, as características dos brancos e tintos de Monterrei; definindo así as súas posibilidades de maridaxe con produtos peruanos, o que conlevará que os nosos viños poidan ser coñecidos, exportados e consumidos nese país”, destaca a presidenta da D.O. Monterrei, Lara Da Silva.