
O Covid segue provocando a suspensión de actividades lúdicas. Apenas cinco días despois de celebrar o Martes de Entroido cun desfile polo pobo (sen Festa da Soá), A Veiga tiña previsto recuperar na tarde deste sábado 5 de marzo a Xuntanza de Fulións, organizada pola Asociación Cultural “O Son de Trevinca” en colaboración co Concello, pero o considerable aumento de casos activos de coronavirus nos folións que ían participar obrigaba a suspendelo.
“É unha mágoa porque tiñamos confirmadas a case 400 persoas e xa o tiñamos todo organizado pero hai moitos positivos entre a xente dos folións que ían vir, nós tamén temos algún e por precaución decidimos suspendelo”, asegura a presidenta da asociación, sen descartar a posibilidade de recuperar o encontro máis adiante. “Igual cando baixen os casos podemos facelo pero de momento o máis sensato é cancelalo”, asegura.