
A zona cero do 49 Rallye de Ourense-Ourense Termal estaba esta mañá de venres a pleno rebulir. No pavillón de Expourense, os equipos apuraban os últimos minutos para rematar a posta a punto dos vehículos. Neste contexto, a casa Suzuki-Repsol fixo a presentación do seu primeiro coche da categoría N5. Trátase do Suzuki Swift R+, que durante uns minutos acaparou toda a atención dos curiosos que se achegaron até estas instalación nas horas previas do rallye. Fará o seu debut nesta mesma edición.

Mantívose a expectación até o último instante, co vehículo tapado baixo unha gran lona. Unha pantalla xigante anunciaba a conta atrás, que, cando rematou, pasou a un segundo plano para ceder o protagonismo á parte humana do equipo: Juan López Frade, director xeral de Suzuki Ibérica; Manel López Castellón, director de RallyCar e director deportivo de Suzuki-Repsol; e Amador Vidal, vixente campión de rallyes de terra e director de ARVidal Racing, xunto cos pilotos oficiais do equipo.

López Frade explicou brevemente como se xermolou a idea de construír unha nova máquina co obxectivo de dar un paso máis na súa evolución como equipo. E fixérono acolléndose ao concepto dos modelos Maxi Rallye. Con ADN galego -creouse maioritariamente en Galicia e por mans galegas- o Suzuki Swift R+ é un modelo confeccionado para a categoría N5, de recente creación en España, e que aspira a ser de ámbito mundial. “Cremos que ten bo futuro”, dixo Frade.

Pola súa banda, López Castellón recoñeceu o traballo “duro” e de moitos meses que hai detrás deste modelo pioneiro e mostrou tamén a súa confianza a N5 despegue con forza no mundo dos rallyes de asfalto. “Loitaremos para que a FIA a recoñeza como categoría internacional”, reafirmou. Logo, cedeu a palabra a Vidal, responsable do equipo que fixo posible o traslado da idea á realidade. “Foi un traballo de case 2.000 horas e seis meses, que agardamos lle guste a Gorka Antxustegi”, explicou, en referencia ao piloto encargado de estrear o novo vehículo.

Finalmente, unha vez destapada a xoia da coroa, os afeccionados que até alí se achegaron, puideron comprobar todos os seus detalles. O Rallye de Ourense será o escenario elixido para a súa primeira carreira, que está previsto que comece no tramo espectáculo, ás 19:30 horas, no polígono de San Cibrao.
Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella