OurenseÚltima hora

Tanxugueiras, Sidonie e Fillas de Cassandra, entre os artistas do IX Ouren Sound Fest

Celebrarase do 23 ao 26 de maio no Complexo Deportivo de Monterrei

Tanxugueiras nun concerto no Barco./ Foto cedida.

 

A Deputación de Ourense colabora co festival Ouren Sound Fest 2024, “evento consagrado no calendario de festivais de Galicia”, salientou o presidente provincial, Luis Menor, na presentación celebrada no Complexo Deportivo de Monterrei, acompañado polo xefe da área provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santralices, o director do festival, Rubén Álvarez; e o delegado en Galicia de Mahou, Txus Saez.

A IX edición deste festival celebrarase do 23 ao 26 de maio, por primeira vez, no Complexo Deportivo de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, “sendo o lugar idóneo para acoller a primeira festa do verán”, afirmou Luis Menor. De produción ourensá, o evento conta coa colaboración de institucións públicas e privadas, atrae a numerosos asistentes de case todas as provincias de España e do norte de Portugal, “o que da boa conta do seu bo facer e da repercusión que está collendo fóra da nosa provincia”, sinalou Luis Menor.

 

Presentación do Ouren Sound Fest 2024.

 

Este ano o cartel musical está protagonizado por: Arde Bogotá, Fillas de Cassandra, Shego, Grande Amore, The Rapants, La duendeneta e Señora Dj, que actuarán o venres, 24 de maio, a partir das 19:30 horas. O sábado, 25 de maio, a partir das 17 horas, comezará unha nova xornada do festival con obradoiros e no apartado musical estarán Sidonie, Tanxugueiras, Shinova, Valira, Ángel Carmona e La Duendeneta. Tamén haberá concertos na praza da Igrexa, no Pereiro, o xoves, 23 de maio con Gargantúa, a partir das 19:45 horas, e Catuxa Salom actuará desde as 20:50 horas; e o domingo, 26 de maio, con Brais das Hortas, a partir das 12:30 horas.

 

Presentación do IX Ouren Sound Fest.

 

Actividades complementarias

Ouren Sound Fest transcende ao ámbito puramente musical e aglutina nun mesmo evento música, artesanía, natureza, historia e gastronomía. Este festival complementa a oferta musical con actividades culturais como obradoiros, exposicións, zona gastronómica… que “aporta valor engadido ao propio festival”, salientou o presidente provincial.

Neste sentido, Luis Menor destacou que o Ouren Sound Fest converteuse “nun importante medio de difusión e concienciación de determinados oficios, contribuíndo así, non só a manter vivas as nosas tradicións, senón a poñelas en valor entre o público asistente”.

Artigos relacionados

Back to top button