CulturaCulturaÚltima hora

‘Tejeteje’, un punto de encontro máis alá da calceta

En decembro o grupo de punto reuníase no Bolo e o 10 de xaneiro farao en Rubiá

 

Unha afección común unía hai uns anos a un grupo de mulleres que, máis alá do punto, das agullas e da la, forxaron unha amizade que permanece no tempo dando lugar a un club, ‘Tejeteje’.

Todo comezaba cunhas clases de calceta e gancho que quedaban interrompidas pola pandemia, aínda que os lazos creados entre as “alumnas” non só se mantiñan senón que crecían. Seguían en contacto aínda que non volvían quedar ata o ano pasado. “Volveunos entrar o gusanillo e empezamos a quedar pola nosa conta, tomabamos café, teciamos e charlabamos, o que unha non sabía preguntáballo á outra”, explican, asegurando que se deron conta de que hai moita xente con esta mesma afección e “como non hai un sitio onde poder ir, decidimos abrir o noso grupo de calceta a máis xente e montar un club para organizar encontros unha vez ao mes e en lugares diferentes”.

 

 

Así nace “Tejeteje” un encontro de punto para “compartir agullas, charlas e os recordos daquelas mans sabias que nos aprenderon con paciencia” que se inauguraba hai algo máis dun mes no Castelo (Rubiá). O segundo encontro foi o 13 de decembro no Bolo, nun local social do Concello que colaborou organizando tamén unha visita guiada ao Castelo para as asistentes que tamén compartían merenda, charlas e ata cancións. “Estivemos practicamente toda a tarde e pasámolo moi ben porque estes encontros teñen a súa parte cultural incluíndo, se se pode, algún plan complementario como neste caso a visita”, puntualizan.

 

 

Aseguran que se vai anotando moita xente, algunha que non sabía calcetar pero gústalle e vai facendo as sías cousas. “Ao final é unha forma de mover unha afección que temos e socializar”, din, adiantando que a seguinte cita será o 10 de xaneiro en Rubiá, ás 16:30 horas na Casa da Cultura, coa colaboración do Concello que lles cede o local.

O día da quedada é cando desvelan onde e cando será a seguinte á que cada unha leva o seu labor e entre todas axúdanse, “como o facían as avoas, con cariño e sen presa” porque non se trata dun curso, “non fai falta saber, só vir con ganas, traer as agullas e las e o mellor sorriso”, convidan dende o grupo que cada vez se fai máis grande, con xente de toda a comarca e de todas as idades. “É todo voluntario, trátase de pasar un rato entretido e divertido, aprender e sobre todo compartir e desfrutar”, conclúen.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button