Na mañá deste venres 11 de outubro, a senadora do BNG Carme da Silva achegábase ata Valdeorras para “coñecer de primeira man as principais demandas da comarca de cara á negociación para os Orzamentos Xerais do Estado 2025, sendo as infraestruturas de comunicación o punto clave.
“A necesidade que ten esta comarca dunhas vías de comunicación dignas condiciona o desenvolvemento dos demais sectores e que queremos que Valdeorras sobreviva temos que ter unhas vias que nos permitan comunicarnos co resto do país e sobre todo con Ourense e para que a xente poida desenvolver aquí o seu proxecto de vida”. Así de rotunda se manifestaba a alcaldesa da Rúa, María G. Albert na Estación de Ferrocarril A Rúa-Petín, un dos servizos máis demandados polo BNG, e no que a senadora atendía aos medios, acompañada entre outros polo deputado no Parlamento de Galicia Secundino Fernández, polo deputado provincial Xosé Manuel Puga, polo portavoz do BNG no Barco Manuel Agra e o concelleiro na Rúa Avelino Fernández.
Da N-120 da Silva asegurou que é a principal vía de comunicación por estrada e “necesita unha mellora urxente porque esta comarca ten unha actividade económica moi importante e esta vía moito tráfico pesado, unha cuestión que hai que resolver”. Obras que non son dunha gran infrestrutura porque xa existe, “trátase de mellorar a seguridade e as condicións para que cun terceiro carril se poidan solucionar os atrancos do tráfico pesado. Sen un gran desenvolso económico xa que estamos falando do Ministerio de Transportes e Mobilidade que manexa o maior orzamento investidor do Estado”.
Con respecto ao ferrocarril, “estamos nunha estación de tren que xa non o é por unha decisión política”, dixo Carme, asegurando que precisamente por iso “é importante que o BNG teña a capacidade política que ten agora nas Cortes do Estado para tirar por Galicia e que por exemplo esta infraestrutura recupere a activiade como estación porque é moi importante para que o ferrocarril siga tendo puxanza e se recuperen as frecuencias”.
Da Silva asegurou que amais de presentar unha serie de iniciativas, tanto no Congreso como no Senado, a idea é “introducir estes temas na negociación dos prósximos orzamentos do Estado”.
Fotos e vídeos: O SIL.