SanidadeÚltima horaVídeos

“Temos que saír á rúa o 30 de xuño a defender a sanidade pública do noso distrito”

O presidente da Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras chama a sumarse á concentración do vindeiro xoves 30 de xuño ás 20:30h.

Publicidade

 

Cun claro chamamento á participación na mobilización do vindeiro 30 de xuño ás 20:30h. fronte ao Hospital Público de Valdeorras se desenvolvía a concentración celebrada ás 12h. deste xoves xunto a este centro sanitario. “É importante que a poboación deste distrito sanitario se convenza de que, unha vez máis, temos que saír á rúa a defender a sanidade pública e, sobre todo, a ter en conta que con esta defensa o que facemos é reclamar unha saúde para todos, algo prioritario”, dicía o presidente da Xunta de Persoal do HPV, Víctor Pariente.

Ademais Pariente facía un repaso das principais problemáticas que presenta actualmente o hospital valdeorrés “seguen faltando 20 especialistas, a atención primaria segue nunha situación máis que precaria, os equipamentos prometidos seguen en licitación, non chegou nada e as obras que se están facendo xa viñan de antes, ademais a de consultas externas segue parada e a solución que reclamábamos estrutural para o HCV continúa sen facerse, polo tanto, unha vez temos que estar na rúa reclamando unha sanidade digna e de calidade”. O presidente da Xunta de Persoal tamén criticaba a falta de resposta dos responsables sanitarios sobre “as solucións para este hospital”.

 

 

A concentración finalizaba cunha queima simbólica, en alusión directa á noite de San Xoán, “dos males que afectan ao Hospital Comarcal de Valdeorras”. Así, outro dos membros da Xunta de Persoal deste centro sanitario, Suso Vilasánchez, ía depositando no interior dun recipiente papeis sobre os que se escribían os problemas principais: “as listas de agarda e as mentiras da directiva do Sergas, a eliminación das xefaturas de medicina interna, anestesia, cirurxía, pediatría, etc; os recortes en medicina do traballo, cirurxía xeral e anestesia, en atención primaria…”.

 

 

Finalmente, a Xunta de Persoal chamaba a sumarse á concentración do vindeiro xoves 20:30h. en defensa dunha “sanidade digna e de calidade” para as comarcas do oriente ourensán.

 

Artigos relacionados

Back to top button