Galerías de fotosOurenseÚltima horaVídeos

Termatalia abre as portas da súa edición máis profesional, en Expourense

Expositores, almacenistas de viaxes, expertos en termalismo e medios de comunicación de 25 países estarán na Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar hoxe e mañá

 

Na mañá deste xoves 26 de setembro abría as portas en Expourense a 22ª edición de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar convocando a expositores, almacenistas de viaxes, expertos en termalismo e medios de comunicación de 25 países aos que se suman visitantes profesionais acreditados que acudirán fisicamente ao vento e asistentes virtuais ao congreso procedentes doutros 20 países diferentes, sumando un total de 45 países representados directa ou indirectamente na feira, que afronta así a súa edición máis profesional apostando polo negocio no turismo termal e pola formación especializada aos que se sumarán, como é habitual, área expositiva e as actividades dirixidas ao público xeral.

No acto oficial de inauguración o presidente provincial, Luis Menor, recalcou que a colaboración que desde a Deputación de Ourense se lle presta a Termatalia “constitúe un compromiso de presente e de futuro”, definindo a Expourense como “o mellor escaparate” para dar visibilidade ás políticas provinciais en favor deste sector estratéxico para Ourense, lembrando tamén que a presenza da Deputación en Termatalia é unha tradición que transcorre parella ao inicio do programa de termalismo social provincial, Luis Menor anunciou que a feira internacional é o lugar escollido para presentar a nova modalidade: o Termalismo Azul.

 

 

Unha iniciativa, explicou, que busca “a conexión cos valores, de diferente natureza, que como provincia caracterízannos e que conforman a nosa identidade; uns valores que fundamentan a posibilidade para a provincia de ser considerada unha Zona Azul, sumándonos ao únicas cinco que a nivel de todo o mundo atesouran este distintivo e que acreditaría a ultralonxevidade saudable dunha importante porcentaxe da nosa poboación”.

Luis Menor tamén explicou a aposta da Deputación polo Termalismo Social, onde destaca o programa provincial, “unha referencia a nivel de toda España polo seu deseño, polo seu compoñente tecnolóxico e polo seu impacto”, destacando que preto de 25.000 persoas beneficiáronse del. “Cifra que alcanzaremos este ano, con máis de 80.000 pernoitas, máis de 200.000 técnicas termais administradas e máis de 7 millóns de euros de impacto directo nos sete balnearios participantes da nosa provincia”.

 

 

Tamén fixo fincapé o presidente provincial no concepto do termalismo como fonte de saúde e benestar, destacando a súa utilización como ferramenta social contra a soidade non desexada. E tamén lembrou que onte mesmo foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o primeiro programa de termalismo para lesionados medulares. Ademáis de lembrar iniciativas innovadoras para captar novos perfís sociais, como é o caso do programa de nómades dixitais termais que xa está en marcha tamén se centrou na importancia da investigación. Neste senso, Menor recalcou que “a I+D termal é clave. Somos conscientes dos problemas que o sector ten derivados do crecente custo enerxético dos últimos anos. Traballamos na procura de solucións para este problema da man, como non podía ser doutra forma, do Campus da auga da Universidade de Vigo”.

E avanzou que na Deputación “cremos ter a solución para reducir significativamente o custo enerxético dos nosos balnearios, á vez que avanzamos na descarbonización dos mesmos”, que pasaría por crear un hub termal de sustentabilidade de recursos termais con enerxías renovables; un contedor modular con varios tipos de enerxías limpas que sexa transferible, adaptable e personalizable a calquera balneario. “A Deputación de Ourense vai facer un esforzo económico por apoiar por primeira vez unha iniciativa de I+D termal”, dixo, e avanzoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que solicitará a cooperación do Executivo Autonómico para este fin. “A colaboración de todos é a fórmula que nos permitirá avanzar máis rápido e de maneira sostible”, dixo.

 

 

O encargado de pechar o acto inaugural era o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen acudía acompañado polo director da Axencia de Turismo de Galicia e anunciou que o Goberno autonómico “ultima unha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros destinados a modernizar e mellorar as instalacións termais e que forma parte dun plan específico máis amplo para potenciar este sector en Galicia”. Durante a súa intervención, Rueda lembrou que Galicia é a primeira potencia termal en España e a segunda en Europa, un sector que xera 19.000 empregos -entre directos e indirectos- en Galicia e que atraeu o ano pasado a preto de 190.000 turistas.

O presidente salientou que o termalismo reúne todas as características do modelo turístico polo que aposta a Xunta: un turismo sostible, de calidade e que permite desestacionalizar a chegada de viaxeiros á comunidade. Neste sentido, fixo un chamamento a saber aproveitar as “posibilidades turísticas, medicinais e de promoción que ofrecen as augas termais.

 

 

Está previsto que o Plan específico para o termalismo se poña en marcha antes de que finalice o ano, contando con esa liña de axudas que virían dos fondos Next Generation da Unión Europea. Ademais, contempla a creación dunha Mesa de Termalismo para fomentar a colaboración entre distintas áreas da Xunta neste eido e a creación dun Observatorio Termal para avanzar na investigación e profesionalización. Unhas medidas que se suman ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos históricos que promove melloras en áreas termais e que conta cun orzamento de máis de 21 millóns de euros ata 2026.

Rueda aproveitou para destacar as boas cifras que acadou Galicia este ano a nivel turístico en xeral, que tamén quedaron reflectidas no sector termal, e animou “a seguir traballando con este tesouro que temos, que nace do centro da terra e fala de Galicia por todo o mundo”.

 

 

O horario de feira será de 9 a 19 horas de forma ininterrompida hoxe e mañá.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button