OurenseÚltima hora

Termatalia e Xantar, as dúas feiras internacionais de turismo de Expourense, en Fitur 2023

A vindeira edición de Termatalia, a 5ª en América Latina, celebrarase en Uruguay do 4 ao 6 de outubro; e a 24ª edición de Xantar, do 2 ao 5 de novembro

 

O recinto feira de Ourense, Expourense, acudiu un ano máis a FITUR Madrid para presentar Xantar e Termatalia, dous das cinco feiras internacionais de turismo recoñecidas polo Goberno de España (xunto á propia Fitur, Intur Valladolid e B-Travel Barcelona). Como é habitual, a caseta de Turismo de Galicia acolleu ambas as presentacións que correron a cargo do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, que estivo acompañado por distintos representantes involucrados nos respectivos sectores da feira: turismo termal e turismo enogastronómico de Galicia, resto de España, Portugal, México, Arxentina e Uruguai, entre outros países.

Termatalia presentou hoxe de forma oficial a súa 21ª edición que será ademais a quinta celebrada no exterior, recuperando así a alternancia de sede de celebración entre Ourense e un país de América. En Fitur Madrid desvelouse esta tarde de forma oficial que a próxima edición de Termatalia celebrarase en Uruguai entre o 4 e o 6 de outubro de 2023.

 

 

Termatalia Uruguai xirará sobre os seus tres eixos principais. A capacitación profesional, a través da celebración do Cuarto Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, coa participación dos mellores especialistas do Mundo. Tamén se organizarán cursos de capacitación profesional; o negocio coa posta en marcha dunha nova edición do Workshop especializado en Turismo de Saúde e Benestar, que convocará a operadores de turismo internacionais. Organizarase tamén un novo Encontro de Políticas Públicas de Termalismo. E entre outras accións profesionais, organizarase a Cata Internacional de Augas e unha misión de prensa especializada; e por último, o “capital relacional” que supón cada ano a celebración da feira, xa sexa en Ourense ou en América Latina e que reúne a profesionais dunha trintena de países.

Pola súa banda, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, presentou en Madrid a súa 24ª edición que se celebrará entre o 2 e o 5 de novembro, servindo de punto de partida dun mes de festa, tradición e gastronomía na provincia de Ourense coa celebración do Magosto. Xantar continuará sendo o gran escaparate para promocionar a calidade enogastronómica de Galicia e un exemplo de cooperación público-privada na que están implicadas as distintas administracións (local, provincial e rexional) e empresas galegas punteiras do sector agroalimentario e servizos.

 

 

Xantar 2023 volverá ás orixes e servirá de punto de encontro das máis de 300 festas gastronómicas de Galicia que poderán presentar e convidar o público ás súas edicións para o ano seguinte. Destas festas xurdiu o termo “turismo gastronómico”, axuntando produto e territorio, que é o que leva facendo Xantar desde hai 24 anos. Produto, territorio e, tamén calidade, xa que moitos dos protagonistas das festas galegas están recoñecidos con selos como a Denominación de Orixe ou a Indicación Xeográfica Protexida.

Artigos relacionados

Back to top button