En portadaGalerías de fotosÚltima hora

“Todos somos Brian”

O CEIP Condesa de Fenosa do Barco acolleu a presentación do libro de David Vázquez, gañador do I premio Xosé Neira Vilas de relato curto

Brian é un neno con síndrome de Down, cuxa singular constitución dos seus ollos lle valeu o cariñoso alcume de chinés. É diferente ao resto dos seus compañeiros, especial e marabilloso, con inquedanzas, aventuras e historias que o van facendo sentirse parte dun grupo, con bos momentos e tamén situacións problemáticas que cambian o rumbo dos seus días. É o protagonista de Brian, o Chinés, o libro co que o valdeorrés David Vázquez Álvarez conseguía o I Premio Xosé Neira Vilas de relato curto e que era presentado oficialmente na súa casa, en Valdeorras, na tarde do 5 de marzo.

Despois de mais de vinte anos como mestre no CEIP Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras, non é de extrañar que elixise ese centro para celebrar a festa de presentación do libro. “Esta é a miña casa e aquí está a miña familia”, aseguraba o propio escritor intres antes de comezar o acto que contaba coa presenza de numerosas persoas vencelladas ao ámbito educativo de David, pero tamén de amigos e incluso representación institucional, na persoa do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como Miguel Toval (da editorial Embora), Juan Andrés Fernández Castro (membro do xurado do Premio) e Luis Reimóndez (presidente da Fundación Xosé Neira Vilas).

 

Portada do libro “Brian, o Chinés”.

Era o propio director do centro, Paco Pérez, quen daba a benvida aos asistentes, cedendo a palabra a Carmela García, compañeira do autor, quen facía un percorrido pola vida de David, asegurando del que “non era un mestre típico, non daba leccións, non nos dicía o que tiñamos que facer, el daba exemplo”. Como persoa comprometida coa educación e a literatura galega “andaba sempre enredando en calquera maneira de expresión literaria: teatro, poesía e contos, que fixeron o día a día dos seus alumnos e dos seus compañeiros entre estas catro paredes”, dixo Carmela. As mesmas que acollían hai 13 anos a presentación da súa primeira obra, Contos do Ruliño Branco.

Despois, virían mmoitas outras como Orballo na mañá, Na Solaina, Améndoas e flores silvestres,… E moitos premios. O último o concedido pola Fundación Xosé Neira Vilas. O seu presidente, Luis Reimóndez asegurou que se trata dun libro de lectura rápida e amena con ilustracións de Andrés Meixide, detrás do cal hai unha persoa “cunha longra traxectoria, presentado con luxo, calidade e agarimo a beira do río Sil”.

 

O director do CEIP Condesa de Fenosa, presentou o acto.

Juan Andrés Fernández Castro, membro do xurado que lle outorgou o premio a Brian, o Chinés, asegurou que cando convocaron o certame rapidamente lles chamou a atención unha obra “de breve e suxestivo título que finalmente foi merecedor do galardón”. A literaria e a educativa, constitúen as dúas grandes vocaciónsa que David sitúa no epicentro mesmo da súa vida, e “trascende na novela premiada co coñecemento do carácter dos personaxes e da singularidade do xove protagonista, froito sen dúbida da demorada observación dos seus alumnos, do seu trato e conversa cos comapañeiros”, dixo Juan, engadindo que “perfilar literariamente unha experidencia pedagóxica e facer o cabal retrato dun adolescente singular como Brian, precisa algo máis que unhas notables doses e observación e análise. Precisa abelencia literaria, sensibilidade e oficio, excelencias que a súa dilatada experiencia literaria e os premios que foi merecendo, certifican abondo”. Ademais dos “seus innegables méritos literarios, cabe atribuír á obra de David unha lección moral, froito sen dúbida do seu compromiso ético e un propósito de considerable calado: dar voz ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade”, dixo, concluíndo a súa intervención.

 

O escritor, David Vázquez, durante a súa intervención.

De seguido tocoulle o turno ao autor, natural de Arcos, que como bo vilamartinés comezou falando da reivindicación dun Día das Letras Galegas para Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Córgomo, antes de explicar que se dicidíu a escribir este libro despois de ler un artigo de Manuel Rivas sobre un neno con síndrome de Dawn. “Púxenme a elo acordándome de todos os nenos que tristemente non souben tratar como debería, aprendino máis tarde neste colexio como tantas outras cosas. Nenos, con moitas necesidades educativas especiais”, chegando á conclusión de que “a maior discapacidade non é a destes nenos senón a do corazón, moitas veces reflexadas en palabras que non deberiamos pronunciar. Porque no fondo todos somos iguais, e temos as nosas propias discapacidades. Brian non ten prexuizos para dicir o que pensa, eu tampouco. É moi teimudo e eu tamén. Ten que facer as cousas sempre ao seu xeito, eu tamén. Na túa cabeza sempre está argallando algunha trastada, eu tamén… Porque todos somos Brian”, asegurou antes de pasara a palabra ao secretario xeral de Política Lingüística.

 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Foi o último en falar loando a  “xenerosidade e humildade de David como autor, sendo un referente no ámbito educativo e literario de toda Galicia”. Valentín coincide con el na “necesidade de ser todos Brian”, asegurando que “unha das vías de traballo da comunidade educativa en todo Occidente é conseguir un lugar para todo o mundo en igualdade de condicións, con especial atención ás persoas con necesidades diversas. Di David que todos somos iguais, eu creo que todos somos distintos, uns cunhas diversidades máis acentuadas nuns temas e outros noutros, pero temos que ser capaces de construír un país e unha sociedade onde haxa sitio para todos en igualdade de condicións e todos poidamos vivir unha vida digna, algo que empeza a fraguarse nos centros educativos, pero do que temos que ser responsables o resto da sociedade”, concluíu, loando as iniciativas a prol da lingua que existen en Valdeorras, entre as que destacou as Convivencias de Educación Infantil Cholo e Nela “un dos proxectos máis alucinantes de toda Galicia”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button